Na mañá deste venres 15 de maio o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, supervisaba unha actuación de protección de taludes na N-120, no termo municipal da Rúa, onde reafirmou “o férreo compromiso do Goberno de España coa seguridade”, como amosa o investimento de preto de 4 millóns de euros para a reparación dos danos causados polos lumes forestais do ano pasado nas estradas da rede estatal da provincia como a que pasa por Valdeorras.
O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, a través da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, executa as intervencións destinadas a reparar os danos causados polos lumes do pasado verán nas estradas N-120 e N-525 e na autovía A-52. Estas actuacións consisten en protección de taludes, sinalización, drenaxe, balizamento e pechamento.

O subdelegado salientou que “o Goberno de España responde á catástrofe sufrida na provincia de Ourense o pasado verán con investimento e actuacións reais para garantir a seguridade dos usuarios e usuarias das vías. Nun momento difícil para o noso territorio, unha vez máis o Goberno actúa co fin de garantir a adecuada conexión entre tódolos municipios da provincia, apoiando así aos ourensáns e ourensás”, destacou.

En concreto, Eladio Santos comprobou esta mañá o estado do avance dos traballos de estabilización de taludes, adxudicada á empresa Xermolo por 1,5 millóns de euros. “Os incendios provocaron problemas de erosión ao calcinar a vexetación contida nos taludes, polo que é preciso aseguralos para evitar desprendementos”, explicou.
Nesta actuación na N-120, que comezou en xaneiro, están a traballar 12 persoas que colocan 30.000 metros cadrados de malla de triple torsión e 7.000 metros cadrados de malla de cable reforzada con 700 bulóns. As máquinas empregadas para esta intervención son unha grúa e unha perforadora. Xa no último tramo dos traballos instalaranse varios tramos de pantalla para conter posibles desprendementos. Esta actuación vai dos puntos quilométricos 468+900 a 472+800.

Eladio Santos agradeceu ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible a “súa sensibilidade coa reparación das infraestruturas clave na provincia de Ourense, pois tamén investiu 9 millóns de euros adicionais para arranxar as estradas ourensás da rede Estatal danadas polos sucesivos temporais de principios deste ano”, dixo. Por iso, cualificou de “fundamental” mobilizar os recursos necesarios para reforzar infraestruturas, previr riscos e protexer ás persoas. “A seguridade é a prioridade absoluta do Goberno”, sostivo.

Á parte do investimento propio na rede viaria estatal, o subdelegado lembrou que “o Goberno de España convocou unha liña de subvencións para reparar danos en infraestruturas municipais e rede viaria provincial como consecuencia dos incendios forestais”.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.