
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, destacaba hoxe o compromiso do Goberno de España coa seguridade viaria, cun investimento de 9 millóns de euros para seguir reparando as estradas ourensás danadas polos sucesivos temporais acontecidos no inverno. “Con axilidade e solvencia, os traballos comezaron apenas 15 días despois das últimas choivas fortes e non se deterán ata deixar a situación da provincia totalmente normalizada”, indicou.
Eladio Santos supervisou hoxe as obras de asfaltado da N-120 nas proximidades de Ourense, incluídas no Plan Especial de Reparación e Conservación de Estradas do Estado en Galicia, dotado de 167 millóns de euros, con 38 millóns extraordinarios polas borrascas. Dese importe, máis de 8 millóns se destinan á rede viaria estatal da provincia, así como 3 millóns á N-120 nas provincias de Lugo e Ourense.
O subdelegado agradeceu a rapidez do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, cunha “resposta inmediata” para rehabilitar as estradas ourensás tras os danos provocados polas borrascas do inverno. En concreto, hai actuacións previstas nas autovías A-52 e A-75 e nas estradas N-120, N-525, N-540, N-541 e N-532. “Este Goberno segue traballando, con investimento real, para restaurar o bo estado das infraestruturas e lograr unha condución plenamente segura, nas mellores condicións”, sostivo.
Obras na N-120
Eladio Santos explicou que na N-120 se están a executar obras de emerxencia para a rehabilitación do firme por 3 millóns de euros, dos que 900.000 corresponden a diferentes tramos da provincia de Ourense, mentres que o resto se destinan á zona de Lugo. “É unha vía fundamental para o tránsito da capital a comarcas como Valdeorras, polo que a súa conservación é unha prioridade”, sinalou.
Axudas para estradas municipais
Aparte do investimento propio na rede viaria estatal, lembrou o subdelegado que o Goberno de España declarou Galicia como Zona Gravemente Afectada por unha emerxencia de Protección Civil debido ás borrascas, polo que concede axudas extraordinarias para a reparación de infraestruturas municipais. “O Goberno non só restaura e conserva o seu, senón que axuda economicamente aos concellos e deputacións a reparar as súas estradas”, explicou.