Moi ecléctica. Para todos os gustos e idades, a maioría no Teatro Lauro Olmo con trece propostas. Con actividades todas as fins de semana dende o 18 de setembro ata o 30 de decembro. Así é a programación cultural do segundo semestre do Concello do Barco de Valdeorras, que era presentado na mañá deste luns 21 de setembro por parte da concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta asegurando que teñen “un programazo”.
Comezaban forte con Luis Piedrahita enchendo o teatro e “penso que tamén o pecharemos de forma potente”, dixo Pizcueta, asegurando que a imaxe do cartel é para a proposta máis destacada, El Brujo “un dos mellores actores que temos agora mesmo no noso país que leva moitos anos enriba do escenario” que volve ao Barco con Iconos o la exploración del destino, un monólogo humorístico que reflexiona sobre o destino na traxedia grega, previsto para o 18 de decembro ás 21 horas.
“Temos un pouco de todo, menos danza… Música, canto, teatro, estamos en todas as redes en que podemos, este ano por fin, despois de dous intentos, o Teatro Lauro Olmo está no Programa Estatal de Artes Escénicas, PLATEA”, di a concelleira, asegurando que conseguilo “foi das mellores novas que a nivel cultural e programático nos podían dar porque é moi complicado entrar en PLATEA, aínda que é máis complicado manterse”. Dentro deste programa chega ao Barco Bichitos unha peza de Spasmo Teatro co humor xestual como alma.
Os espectáculos recollidos na programación “foron escollidos entre as mellores compañías teatrais da actualidade, que traerán ao Barco as súas últimas producións”, dixo Margarida, destacando a programación teatral, a máis numerosa. No mes de outubro chegarán ao escenario do Teatro Lauro Olmo, os espectáculos de Xampatito Pato, Campaña, o día 9; Sal do Teatro, Brokeback Sabucedo, paixón entre bestas, o día 16; e Talía Teatro, Un deus salvaxe, o día 23.

Con todo, o mes comezará con Inherente de Marcos Waldemar, onde a maxia se mestura co teatro, o humor e o mentalismo, construíndo unha experiencia na que o público non sabe onde remata a ilusión e onde empeza o imposible. O espectáculo ven abalado polo bicampeón de España de Maxia, que revalidou este ano o título nacional e foi premiado no Congreso Mágico Nacional 2025, sendo semifinalista de Got Talent España.
No mes de novembro, o Teatro recibirá a José Luis Nieto que presentará o día 6 Pasión de falla ao piano “onte teremos a ocasión de escoitar obras de El amor brujo ou El Sombrero de tres picos“, puntualizou a concelleira; Sarabela Teatro traerá a obra A Metamorfose, de Carlos Álvarez Ossorio, o día 13; Artyc Content A Historia Vaxenial, de Iván Marcos, o día 20; e Iria Piñeiro Vitoria, retrato dunha denuncia, de Colectiva e Susana Villaverde, o día 27.
Tamén no mes de decembro, levarase a cabo a actuación, para todos os públicos, do Coro Góspel Vida, organizada pola asociación ALCER coa colaboración do Concello, co obxectivo de sensibilizar á veciñanza sobre a importancia da doazón de órganos para as persoas afectadas por algunha enfermidade renal crónica.
Todas as actuacións do Teatro Lauro Olmo do Barco serán ás 21horas, agás as dirixidas ao público familiar, que desenvolveranse no mes de decembro, en horario de 18:30 horas. Á parte de Bichitos do director Ángel Calvente, o 30 de decembro chegará o espectáculo O Apalpador de Anxo Moure, unha viaxe á tradición, un abrazo do bosque galego en pleno Nadal. Acompañado polas melodías da montaña, o xigante carboeiro non só trae castañas quentes, senón tamén historias de respecto á Terra e centos de sementes e árbores autóctonas para plantar en familia.

As entradas de todos os espectáculos estarán á venda de xeito anticipado en Ton y Son, e desde unha hora antes, na billeteira do Teatro.
Fóra do Teatro Lauro Olmo o 18 de outubro haberá no Malecón, ás 19 horas un concerto de música militar a cargo da Unidade de Música do Mando de Apoio á maniobra da Brilat de Pontevedra; e unha actividade do Programa de Dinamización Lingüística FalaRedes para a primeira infancia titulada Latexos de KPaparota que se celebrará na Biblioteca Municipal Florencio Delgado Gurriarán este sábado 26 de setembro ás 18 horas.
A concelleira aproveitou a ocasión para pedir un incremento nas partidas dos diferentes circuítos.

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.