
Esta será a terceira tempada de Lino Estévez á fronte do CD Barco, un equipo no que soubo facerse un oco gañándose o respecto de xogadores, afección e sobre todo directiva, que apostou por el e non se equivocou, sendo un dos recoñecidos pola Escola de Adestradores da Real Federación Galega de Fútbol.
Natural de Salceda de Caselas, Lino recollía o recoñecemento como ‘Adestrador Destacado da Preferente Futgal’, na gala celebrada na mañá deste sábado 4 de outubro en Ferrol (A Coruña), coa que o presidente do Centro de Deportes Barco, Nilo Ramos, se amosaba moi contento por terse lembrado del neste ‘Día do Adestrador’.
Nilo asegura que seguen a buscar o seu propio perfil, apostando xa no seu momento por xente moi nova. Primeiro Barba, despois David Pérez, Iván González ou Javi Rey que está xa na elite, “adestradores moi noviños e con fame”. Agora é o turno de Lino do que esperan que siga crecendo con eles “porque o fútbol é un gran campo de aprendizaxe no que nunca deixas de aprender cousas novas”, di Ramos, desexándolle moita sorte e que “poida cumprir todos os seus soños e obxectivos”.
Camiño vai de logralo a nivel deportivo, cunha traxectoria no CD Barco digna de destacar. “Estamos moi contentos con el”, di presidente, lembrando que “colleu o equipo case fundido e logrou salvalo ese ano, ao seguinte ascendeu e agora, en Terceira, unha categoría moi difícil e dura, sabemos o que hai polo que conta coa confianza de toda a directiva para conseguir os mellores resultados posibles”.

Fotos e vídeo cedidos.