
O Parador de Santo Estevo, en Nogueira de Ramuín, era escenario esta mañá da presentación oficial da novena edición do Trail Ribeira Sacra, “unha proba de montaña que transcende a competición deportiva para converterse nunha experiencia que promove o deporte, o respecto polo medio ambiente e a posta en valor do patrimonio paisaxístico, cultural e gastronómico da Ribeira Sacra”, din os seus promotores.
A saída e meta desta competición estará na Praza de Luintra e darase ás 8:00 h. Os participantes deberán completar un percorrido de 48 km, cun desnivel positivo: +3.450 m.
No acto de presentación tomaban parte Diego Novelle, presidente do Grupo Cuevas Nogueira Trail organizador do TRS; Beatriz Fernández, directora territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia en Ourense; Manuel Pérez, xefe do Servizo de Deportes; Diego Enrique Álvarez, asesor de Política Deportiva en representación da Deputación de Ourense; o alcalde de Nogueira de Ramuín, Julio Temes, e o concelleiro de Deportes, Raúl Soto.
Nesta novena edición está prevista a participación de 471 corredores de once nacionalidades, desde Corea ata Canadá, Estados Unidos ou Dinamarca, consolidando o Trail Ribeira Sacra como unha cita de referencia internacional.
A organización destacaba tamén o incremento da participación feminina, que xa representa o 18% do total, un dato que reflicte o crecemento do trail como espazo de igualdade, esforzo e superación. A proba disputarase o domingo 12 de outubro de 2025 e levará aos deportistas a percorrer 48 quilómetros e máis de 3.450 metros de desnivel positivo, por sendas que atravesan lugares emblemáticos como o Castro de Moura, os Miradoiros da Lampa e Pé do Home, o Mosteiro de Santo Estevo e outros recunchos de extraordinaria beleza.
Na súa intervención, Beatriz Fernández, subliñaba o apoio institucional a eventos que unen deporte, natureza e turismo. “A Secretaría Xeral para o Deporte apoia este tipo de eventos que combinan deporte, natureza e turismo. Son unha oportunidade única para dar a coñecer a nosa riqueza patrimonial, cultural, paisaxística e gastronómica. Ademais fomentan a vida saudable e axudan a dinamizar as nosas comarcas”. E engadía que o Trail Ribeira Sacra é “un referente no turismo deportivo de calidade e saudable”, e felicitou á organización polo seu “compromiso coa calidade e coa excelencia”.

Apoio institucional e recoñecemento ao traballo colectivo
Pondo en valor a colaboración institucional, Diego Enrique Álvarez, en representación da Deputación de Ourense, quixo agradecer á Xunta de Galicia a súa presenza e apoio nos eventos deportivos da provincia, e destacou tamén a implicación local. “Agradecemos ao Concello de Nogueira de Ramuín por dar cabida a esta proba, que penso que é un acerto total, e ao gran grupo humano que acompaña a Diego na organización. Tamén valoramos a labor dos patrocinadores, do Parador de Santo Estevo e do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, que contribúen a dinamizar o territorio e a súa riqueza gastronómica”.
Pola súa banda, o alcalde Julio Temes, expresaba o seu orgullo pola repercusión do evento. “Grazas á gran familia que organiza o TRS por poñer a Nogueira de Ramuín en Galicia, en España e no mundo enteiro. O impacto económico é moi importante para a zona e tamén para outros concellos limítrofes. Agradecemos ese traballo feito e o esforzo de tantas persoas que fan posible este evento cada ano”. Temes subliñaba tamén que o Trail Ribeira Sacra “non só trae corredores, senón tamén familias, acompañantes e afeccionados que veñen vivir este evento como unha experiencia cultural e natural única”.
Diego Novelle, salientou o impacto positivo do TRS na comarca. “Máis do 85% dos corredores veñen de fóra da provincia e un 40% de fóra de Galicia. Isto supón un impulso importante para o turismo, a hostalaría e o tecido económico local. O Trail Ribeira Sacra non é só deporte: é natureza, cultura, patrimonio, gastronomía e vida”. Novelle engadía que a organización mantén o seu compromiso coa sostibilidade: sinalización compostable, eliminación de plásticos e uso de materiais respectuosos co contorno.
Entre as novidades desta edición destaca un novo espazo de Experiencias de Calidade na xa habitual #GastroexperienciaTRS, que permitirá a corredores e acompañantes degustar produtos galegos de calidade diferenciada, auténticos embaixadores da nosa gastronomía, combinando sabor, tradición e territorio.