ConcellosÚltima hora

O trampeo de primavera, un labor clave para frear a expansión da Vespa velutina

Dende a Asociación Valdeorras de Apicultores pídese a colaboración dos veciños da comarca para loitar contra esta especie invasora

Trampa para capturar raíñas de velutinas nunha árbore florida./ Cedida.

 

Co inicio da primavera, a subida das temperaturas e a floración das árbores estanse a activar as raíñas de Vespa velutina, por iso é un momento importante para capturalas e conter a súa expansión. É dicir, facer trampeo evita que fagan niños primarios e, logo, secundarios. Dende a Asociación Valdeorresa de Apicultores xa comezaron a colocar trampas para capturar raíñas, pero tamén inciden na importancia de que a poboación en xeral se sume a este labor de cara a lograr conter e minimizar o impacto desta especie invasora, estendida xa de forma notable pola comarca.

“Este é o momento de atrapalas porque están soas, teñen que empezar a saír, a buscar papel para facer o niño, a buscar comida para ela e, unha vez que poñen os primeiros ovos, saen tamén a buscar comida para alimentar ás primeiras larvas. Están cun traxín tremendo e co olfato que teñen entran de marabilla nas trampas”, indica o presidente da Asociación Valdeorresa de Apicultores, Armando Rodríguez.

¿Como se fai o trampeo? A preparación e instalación de trampas contra estes insectos é algo sinxelo. As trampas fanse a partir dunha botella de plástico de auga baleira, á se que lle fan dous buracos (por exemplo, cunha broca) un enfronte do outro, cunhas dimensións entre 8,5 e 9 mm, e un pouco antes do inicio do colo da botella. Nela introdúcese un líquido atraínte, feito con dúas partes de zume de arandos e unha parte de viño branco, ocupando 4 dedos ou un poquiños máis do fondo da botella.

Que necesitas para a mestura? 1 litro de auga. 1/2 kg de azucre. 10 gr de lévedo.

Recoméndase colocar as trampas en lugares solleiros, preto de plantas ou arbustos con flor e zonas con auga. E se o ano pasado se detectou algún niño, pois nese mesmo lugar.

Este apicultor pide a colaboración da poboación da comarca para que trampee e axude na loita contra especie. “Non é un problema só dos apicultores, deste xeito a xente vai evitar que lles fagan un niño primario na súa casa, no alpendre, no voladizo ao lado da fiestra, etc”.

Armando Rodríguez lembra ademais que se trata dun problema de “saúde pública” porque se xa se teñen dado casos en Galicia de persoas que estaban desbrozando e tocaron un niño que estaba no chan, cun resultado tráxico de morte.

Back to top button