DeportesEn portadaPiraguismoÚltima hora

O valdeorrés Adrián Prada, prata en K2 sénior no Campionato de España de Maratón

 

Entre os piragüistas da elite nacional na categoría absoluta volve a situarse nesta tempada o valdeorrés Adrián Prada Pérez, que viste as cores do Club Piragüismo Rías Baixas-Boiro. Era un dos padexeiros que participaba no XXVIII Campionato de España de Maratón, que se desenvolvía nesta fin de semana na vila ourensá de Castrelo de Miño.

Nesta cita competía en ata tres probas. A primeira delas tiña lugar o venres co selectivo nacional de maratón curto (3.000 m) en K1, no que Adrián Prada lograba unha terceira posición cun rexistro de 00:14:57,13. Só era superado por Adrián Martín (Club Escuela Piragüismo Aranjuez) cun tempo de 00:14:38,65 e por Iván Lage (Club Piragüismo As Torres Romería Vikinga).

 

Xa o sábado competía en K1 sénior (29.800 m) no Campionato de España de Maratón, no que tiña un percance con outra piragua que lle provocaba unha caída e lle facía perder as primeiras posicións durante o porteo. Aínda así o valdeorrés remataba en quinta posición, cun tempo de 2:03:4,97. Nesta distancia impoñíase Adrián Martín.

 

Finalmente, na proba de K2 sénior do Campionato de España de Maratón, o valdeorrés, que compartía barco novamente con Joaquín Iglesias, lograba a medalla de prata, cunha marca de 01:54:18,38. O seu K2 tan só era superado polo de Miguel Lloréns e Alberto Praza (Sociedad Cultura y Deportiva Ribadesella).

Fotos: loispradaf

Back to top button