
Cos seus resultados no Campionato do Mundo de Maratón, que vén de celebrarse do 22 ao 25 de outubro en Gualeguaychú (Arxentina), o padexeiro valdeorrés Adrián Prada Pérez remata a mellor tempada da súa traxectoria deportiva. Tiña praza para representar a España as probas de K1 sénior en maratón curto e en maratón longo.
A primeira na que competía no mundial, no que se medía cos mellores, era o maratón curto (3,4 km), onde lograba clasificarse na fase de “hit1” cun destacado terceiro posto, sendo só superado polo danés Mads Petersen e polo sudafricano Ulvard Hart. En cada un dos hit clasificábanse os seis primeiros e os 8 mellores tempos. Xa na final, o valdeorrés quedaba décimo cun tempo de 11:51.83, nunha regata na que se impoñía o sudafricano Hamish Lovemore, seguido de Mads Petersen e do portugués Fernando Pimenta.

E xa na proba de maratón longo (29,80 km), o valdeorrés conseguía un meritorio sétimo posto, cun tempo de 2:06:58.29, nunha clasificación liderada por Mads Petersen, mentres que a prata correspondíalle a Ulvard Hart e o bronce ao danés Philip Nudsen. Era unha longa e dura regata cunha trintena de padexeiros, na que Prada ía de menos a máis ata lograr escalar ata ese sétimo posto.
O barquense viaxa xa de volta a Galicia, satisfeito e tamén destacando a calidade deportiva deste mundial, así como o ambiente vivido durante esta competición, que era a primeira vez que se desenvolvía en Sudamérica.
Ademais, cos seus resultados contribuía ao liderado do equipo español na clasificación xeral por puntos, cun total de 236, superando a Hungraía, con 184 e a Arxentina, a anfitroa, con 183.
Fotos: RFEP.
