CulturaCulturaÚltima hora

O valdeorrés Chere expón “De pel salgada” na galería máis pequena do mundo, en Redondela

A mostra, con 16 pezas en madeira, poderá verse en agosto e setembro neste peculiar espazo

 

O valdeorrés Gerardo Rodríguez “Chere” reencóntrase co público cunha nova exposición. Desta volta na galería que está considerada a máis pequena do mundo. Así convértese no artista número 27 que expón no espazo artístico “Mínima Expresión”, situado no Bar Disco Tasca de Redondela (na rúa Pai Crespo), que cumpre dez anos.

“Mínima Expresion” ocupa o espazo interior dunha neveira dos anos 70, rehabilitada e atópase na fachada do establecemento. Esta iniciativa pretende achegar as artes plásticas a todo tipo de público, dunha maneira divertida, moi accesible e didáctica.

 

 

Neste singular e orixinal recanto Chere presenta a mostra “De pel salgada”, coa que leva ao visitante ata “o que contan as madeiras do mar”. A mostra inclúe 16 pezas, “que conseguín colocar na galería. Toda unha proeza”, conta.

Nesta proposta, Chere transfórmase nun voyeur e plasma sobre madeiras antigas coidadosamente escollidas diversas escenas de praias, co mar e mareas de fondo, en acrílico. Escenas inspiradas na xente, “á que vou observando, espiando”, argumenta. Todos eles xentes “de pel salgada”, matiza.

 

 

Así o seu último proxecto constitúe unha homenaxe ás xentes do mar. A exposición inaugurábase a primeiros de agosto no “Espazo Artístico Mínima Expresión” de Redondela e poderá visitarse durante todo o mes de agosto e no mes de setembro.

Fotos cedidas.

 

 

 

Back to top button