
A doazón de medula ósea é das poucas que poden realizarse en vida e permite salvar cada ano a vida de miles de persoas anónimas no mundo. Co obxectivo de concienciar á mocidade sobre este tipo de doazón e sobre o transplante de médula ósea convócase o Concurso universitario de curtametraxes, que este ano cumpría a súa novena edición e está promovido pola Coordinación Autonómica de Transplantes da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS).
Nela resultaba distinguida co primeiro premio (dotado con 2.000 euros) a curta “Ao final acabamos cos bichiños eses”, obra de Marta Rodríguez Cacheda e Alejandro Añón Blanco da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña.
A peza está protagonizada polo escritor e empresario valdeorrés, Luis Manuel Gurriarán, de 76 anos e xa xubilado. Fai o papel dun agarimoso avó que está á beira do seu neto, que padece leucemia e que agarda unha doazón para poder ser trasplantado.