CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O valdeorrés Manuel Prada representará a España no Mundial Skills de FP en Shangai

Remataba o pasado mes de xuño o Ciclo Superior de Automoción no CIFP Someso (A Coruña)

 

En xuño finalizaba o  Ciclo Superior de Automoción no Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Someso (A Coruña) e facíao con dous premios Skills (Olimpíadas de Formación Profesional, nas fases galega e española) en Tecnoloxía do Vehículo Pesado e un traballo asegurado.

Galardóns que, ademais, lle aseguraban ao barquense Manuel Prada Palmeiro a súa praza para competir no a finais de setembro no Mundial Skills nesa mesma modalidade de Tecnoloxía de Vehículos Pesados e, no 2027, no europeo destas olimpíadas da FP.

Esta mañá o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, recibía á delegación de alumnos galegos que participará nas devantidas olimpíadas de mundiais de Formación Profesional en Shanghái. Dela forma parte este mecánico barquense, que ten previsto voar a China o día 17 e despois acudir ao concurso, que terá lugar do 22 ao 25 de setembro.

Ademais do valdeorrés, haberá outro estudante galego no mundial, Héctor Sánchez, do CIFP Politécnico de Santiago, que competirá na modalidade de Tecnoloxía do automóbil. Estes dous estudantes galegos, acompañados dos seus titores, integran a delegación española, composta por 34 competidores para 31 modalidades de FP, que se desprazará a finais de mes a esta cidade chinesa para participar na 48º edición da Worldskills baixo o lema `Domina as túas competencias, cambia o teu futuro’, que reúne aos 1.400 mellores estudantes de FP do mundo, procedentes de 70 países.

Back to top button