OurenseÚltima hora

O veterinario ourensán Diego Conde gana o VIII Premio Nacional Félix Pérez y Pérez

 

O veterinario ourensán, Diego Conde Gómez, vén de converterse en ganador do VIII Premio Nacional Félix Pérez y Pérez por unha investigación sobre a transformación científica da veterinaria española. Este prestixioso galardón, organizado polo Colegio Oficial de la Profesión Veterinaria de Burgos, recoñece o traballo «Con ciencia veterinaria», dedicado ao papel da Junta para Ampliación de Estudios na modernización da profesión durante o primeiro terzo do século XX.

O veterinario e investigador galego Diego Conde Gómez foi distinguido co VIII Premio Nacional Félix Pérez y Pérez, organizado polo Colegio Oficial de la Profesión Veterinaria de Burgos, polo seu traballo Con ciencia veterinaria. La profesión veterinaria y la Junta de Ampliación de Estudios (1907-1936), unha investigación que afonda na construción da identidade científica da veterinaria española durante a denominada Idade de Prata.

A obra analiza como, durante as primeiras décadas do século XX, unha xeración de veterinarios procurou superar as limitacións formativas e científicas existentes en España mediante o contacto con centros de investigación, universidades e laboratorios estranxeiros. Neste proceso desempeñou un papel destacado a Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas (JAE), institución creada en 1907 que contribuíu á internacionalización da ciencia española.

A partir dunha ampla investigación documental no arquivo da JAE, complementada con publicacións científicas, prensa profesional e documentación oficial da época, Conde Gómez reconstrúe as iniciativas de numerosos veterinarios para ampliar a súa formación en campos como a bacterioloxía, a parasitoloxía, a zootecnia, a xenética, a cirurxía ou a hixiene alimentaria.

O estudo permite recuperar proxectos científicos pouco coñecidos, solicitudes de pensión que nunca chegaron a materializarse e experiencias de formación no estranxeiro que contribuíron á incorporación de novos coñecementos e métodos de investigación á veterinaria española.

Máis alá das traxectorias individuais, o traballo sostén que aquela xeración non procuraba unicamente perfeccionar os seus coñecementos técnicos, senón tamén redefinir a posición da veterinaria como disciplina científica, sanitaria e produtiva. O seu título, Con ciencia veterinaria, alude precisamente a esa dobre transformación: a adquisición de novos coñecementos científicos e a toma de conciencia sobre a relevancia social da profesión.

 

 

Sobre o autor

Diego Conde Gómez é doutor en Veterinaria, investigador especializado en historia da veterinaria e xefe de Grupo de Actuacións e Proxectos en Tragsatec (Grupo Tragsa), onde desenvolve a súa actividade profesional no ámbito da sanidade animal, sector no que acumula 25 anos de experiencia.

É académico correspondente da Real Academia de Ciencias Veterinarias de España (2018), da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia (2025) e da Real Academia de Medicina de Galicia (2026).

A súa traxectoria investigadora céntrase na historia da profesión veterinaria, a modernización agropecuaria, a sanidade animal e a saúde pública, con especial atención a Galicia e á España contemporánea.

Autor de numerosas publicacións científicas e traballos de investigación histórica, recibiu distintos recoñecementos, entre eles finalista no Premio Ánxel Casal ao Libro do Ano (2008), Premio Manuel Murguía de Ensaio (2013),  Premio Jesús García Calvo (2015), finalista nos Premios da Crítica de Galicia (2015) e o Premio Nacional Cayetano López y López (2022), este último pola súa obra Caballeros del campo. La Edad de Plata de la veterinaria española (1910-1936).

O VIII Premio Nacional Félix Pérez y Pérez supón un novo recoñecemento á súa contribución ao coñecemento da historia da veterinaria española e á recuperación do legado científico dos profesionais que impulsaron a súa modernización.

Fotos cedidas.

Back to top button