Na tarde do mércores 17 de decembro, a Casa da Cultura de Viana do Bolo acollía a presentación do libro C.D. Viana, 100 años de leyenda, escrito polo vianés Jesús Salgado.
No acto, o autor explicaba a complexidade na recompilación de datos, xustificando a ausencia de pés en moitas das fotografías que contén. “Non me sabían dicir exactamente quen saía co cal optei por poñer nomes”, dixo, acompañado entre outros polo presidente do CD Viana, Isaac Pérez, encargado da presentación, que lle daba as grazas polo traballo, recoñecendo que era unha idea que tiñan para o 50 aniversario pero non había quen o fixera ata que se ofreceu Salgado que correu cos gastos de edición. O alcalde de Viana, Germán García-Ávila pola súa banda, destacaba a importancia desta publicación, “non só pola traxectoria do club de fútbol en si mesmo, senón porque fala da historia de Viana”.

Así o explica o propio Salgado, asegurando que se trata dun traballo de investigación que pretende traer á actualidade e recuperar do esquecemento aos pioneiros e proxectar cara ao futuro as raíces consolidadas deste deporte en Viana do Bolo. “É a historia, podemos dicir secular, de Terras de Viana, a través dun deporte que marcou a vida dos vianeses”. Durante todos estes anos, sostén, “pasaron polo equipo adestradores, directivos e centos de xogadores, cuxas traxectorias recollemos á vez que agradecemos aquí o seu esforzo e abnegada dedicación”.
Esta publicación decribe a historia de Viana do Bolo nunha das súas dimensións menos coñecidas, a deportiva, neste caso a través do fútbol. “Ao longo destes cen últimos anos queda moi ben reflectida unha faceta da sociedade vianesa que incorporou progresivamente a figura dun deporte inglés, que trouxeron os traballadores vianeses nas minas de Rio Tinto e acabou nestas terras facendo honra á moi esquecida intelixencia dos pés”, di Salgado, concluíndo que “o balompé foi, e segue sendo, un revulsivo que causou furor e ségueo causando entre as multitudes, sen distinción de fronteiras”.

C.D. Viana, 100 años de leyenda é un libro dedicado a plasmar a traxectoria futbolística do actual club que empezou a darlle ao balón antes de 1925 co sonoro nome de Sparta F.C. e acabou federándose en 1974 como CD Viana, co obxectivo principal de dala a coñecer pero, “sobre todo pretende ser unha homenaxe aos que foron e son os protagonistas, que á fin e ao cabo fixeron e fan posible esta historia”, puntualiza o autor que onte tamén asinaba exemplares.
O libro está á venda na Librería Fernando en Viana do Bolo (15 euros) e as ganancias irán destinadas ao CD Viana.

Fotos: Carlos G. Hervella.