CulturaCulturaEducaciónEn portadaÚltima hora

O vianés Paulo J. García, 1º na fase galega da Olimpíada Española de Bioloxía

Este alumno do IES Carlos Casares de Viana pasa a seguinte fase, prevista en marzo en Oviedo e na que se escollerá aos olímpicos para as fases internacionais

O vianés Paulo Joaquín García, co seu diploma./ Cedida.

 

Paulo Joaquín García Elexpuru, un estudante de 2º de Bacharelato do IES Carlos Casares de Viana do Bolo obtén o primeiro posto na fase galega da Olimpíada Española de Bioloxía, e será un dos tres representantes de Galicia na fase nacional en Asturias. Paulo Joaquín lograba o primeiro posto da fase autonómica da OEB. A fase final autonómica tivo hoxe venres 18 de febreiro lugar na Facultade de Ciencia da Universidade da Coruña. O reitor da Universidade Julio Abalde clausurou a xornada, xunto a representantes dos dous principais organizadores: Colexio Oficial de Biólogos de Galicia e Asociación Olimpíada Española de Bioloxía

“A primeira fase (telemática) da competición en Galicia comezaba con 169 estudantes, dos que se seleccionaron 30 para a fase final autonómica de hoxe en Coruña, onde se seleccionaron 3. Dous deses trinta finalistas galegos foron María Quintairos Martínez da Gudiña e Paulo de Viana do Bolo, ambos os estudantes do IES Carlos Casares”, tal e como explican dende este centro educativo. Os alumnos foron á cidade herculina acompañados pola coordinadora da olimpíada no instituto vianés, a profesora Monse Ulloa Gutián.

 

 

Xunto a Paulo, tamén acudirán a Oviedo, Vicente Bermúdez do IES Eusebio da Guarda da Coruña e Denis Iglesias do IES Aller Ulloa de Lalín. “Os tres estudantes foron seleccionados mediante unha proba teórica de 30 preguntas, con preguntas tan diversas como o uso do luminol pola policía para detectar restos de sangue, problemas de xenética, cuestións de ecoloxía, da vacina contra o COVID ou de bioquímica. Logo realizaron prácticas de laboratorio de zooloxía, fisioloxía vexetal e citoloxía”, segundo sinala o IES Carlos Casares.

A fase seguinte terá lugar na Universidade de Oviedo, do xoves 31 de marzo ao domingo 3 de abril, onde se escolleron os olímpicos para as fases internacionais.

Artigos relacionados

Back to top button