PolíticaÚltima hora

O vindeiro Comité Provincial do PSdeG-PSOE será en setembro en Valdeorras

A Comisión Executiva Provincial mantivo hoxe unha reunión ordinaria para abordar diferentes asuntos relacionados coa organización interna do partido e coa preparación das vindeiras eleccións

 

A Comisión Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense vén de celebrar a súa reunión ordinaria esta tarde na sede provincial na cidade das Burgas, na que se abordaron diferentes asuntos relacionados coa organización interna do partido, así como coa preparación das vindeiras eleccións municipais.

Durante a reunión, o secretario xeral do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila Araújo, informou dos principais acordos adoptados nos últimos días polos órganos federais e nacionais do partido, concretamente pola Comisión Executiva Federal (CEF), a Comisión Executiva Nacional Galega (CENG) e o Comité Nacional (CN), dando conta das liñas de traballo e das decisións que marcarán os próximos meses.

No relativo ao proceso de elección das candidaturas municipais, a Executiva Provincial analizou a convocatoria e o calendario das primarias. Neste marco, deuse conta da proclamación de Natalia González Beneitez como candidata do PSdeG-PSOE á alcaldía de Ourense, unha vez rematado o prazo de presentación de precandidaturas sen que se rexistrase ningunha outra candidatura alternativa.

Así mesmo, explicouse que o calendario aprobado contempla dúas novas ventás para a celebración de procesos de primarias durante os meses de setembro e novembro naqueles concellos nos que exista máis dunha candidatura. Será a dirección federal do partido a encargada de establecer os prazos concretos para o desenvolvemento destes procesos.

Outro dos acordos adoptados foi o nomeamento do Comité Preelectoral Provincial, un órgano que nace co obxectivo de “coordinar e impulsar o traballo organizativo de cara ás eleccións municipais, planificando o calendario de actuacións e preparando todos os aspectos relacionados coa cita electoral”.

Por último, a Comisión Executiva Provincial acordou convocar un novo Comité Provincial para finais do mes de setembro, nunha data que se concretará nas próximas semanas. A reunión celebrarase na comarca de Valdeorras, dando continuidade á vontade da dirección provincial de achegar a actividade orgánica aos distintos territorios da provincia e manter unha presenza activa e permanente en todas as comarcas ourensás.

O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila, subliñou que “hoxe damos un novo paso na preparación dun proxecto sólido, unido e pegado ao territorio para afrontar as eleccións municipais. O noso obxectivo é ofrecer á veciñanza unha alternativa progresista, seria e con capacidade de goberno en cada concello da provincia”.

Vila destacou tamén que “o Partido Socialista está a facer os deberes con tempo, organizando o traballo e fortalecendo a nosa estrutura desde cada agrupación local. Fronte a outras formacións máis preocupadas polas súas leas internas ou por conservar o poder a calquera prezo, nós estamos centrados nos problemas reais da cidadanía e en construír proxectos municipais que melloren a calidade de vida dos veciños e veciñas”.

En relación coa decisión de celebrar o vindeiro Comité Provincial en Valdeorras, o secretario provincial asegurou que “queremos un partido presente en toda a provincia. Non entendemos a política desde un despacho na capital, senón escoitando á militancia e á cidadanía en cada comarca. Ese contacto permanente co territorio é o que nos permite coñecer de primeira man as necesidades de cada concello e preparar as mellores candidaturas e os mellores programas”.

Con estes acordos, o PSdeG-PSOE de Ourense continúa avanzando na súa planificación política e organizativa, reforzando a súa estrutura e iniciando o traballo necesario para afrontar con garantías as próximas eleccións municipais, desde a proximidade coa militancia e co conxunto da cidadanía da provincia.

Back to top button