ConcellosQuirogaÚltima hora

O X Concurso Quiroga de Tapas, un festival de sabores do 6 ao 15 de abril

Nesta edición participarán nove establecementos adicados á restauración

Publicidade
Unha das tapas servidas en anteriores edicións deste concurso./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Este mércores, día 6 de abril, comezará o X Concurso Quiroga de Tapas nesta vila lucense, coa participación de nove establecementos adicados á restauración: Adega da María, Bar O Portón, Cafetería A Botica, A Taberna, O Rego Gastrobar, Bar Chapakuña3, Bar Matrioshka, Mesón Ferreiriño e Mesón Escaleira. Todos eles competirán para facerse co premio á mellor tapa desta edición levando un diploma acreditativo e 100 € en metálico.

Cada establecemento participante presentará unha única tapa, elaborada con ingredientes de libre elección. A tapa presentada ao concurso, deberá estar anunciada, exposta de forma destacada, así como a disposición do público consumidor nun número suficiente e razoable de unidades ou porcións, entre as 12h. e as 14:30h. e as 19h. e as 22:30h.

O concurso estará aberto ata o 16 de abril, agás o día 10, que por ser día de feira, a comisión organizadora, á petición dos propios establecementos -como comunicou o Concelleiro de Xuventude, Luis Manuel Arias-, decidiu que non sexa día de tapa de concurso.

As bases

As bases mantéñense como en anos anteriores ao igual que o prezo da tapa (1´50 €), polo que serán os propios consumidores das tapas os que decidan coa súa votación cal é a tapa gañadora. Para elo terán que cubrir un tapacartón co selo de todos os establecementos que concursan e que se poñerá cada vez que o cliente deguste a tapa concursante.

Cando o cliente complete a degustación de todas as tapas presentadas a concurso en todos os establecementos participantes, poderá votar a súa tapa favorita utilizando o mesmo tapacartón e introducindo o mesmo nas urnas oficiais do concurso, coas que contarán todos os establecementos participantes.

 

 

No tapacartón deberase poñer o nome da tapa que se elixe como gañadora e os datos da persoa participante, posto que todos os que estén debidamente cubertos entrarán nun sorteo. Os premios para os participantes van desde os 300 € en metálico ata cestas con produtos típicos da zona, pasando por comidas ou ceas para dúas persoas en distintos establecementos locais e da Ribeira Sacra, a estancia nunha hospedería ou un paseo a cabalo.

Artigos relacionados

Back to top button