
Ata 33 curtametraxes procedentes de máis de vinte países diferentes poderán verse na décima edición do Festival Internacional de Curtas (FIC) Vía XIV, que se celebrará en Verín do 26 ao 31 de outubro. A proposta reúne creacións de diferentes contextos e linguaxes e combina cineastas con percorridos en festivais internacionais con novas voces e primeiras obras.
A programación oficial estará formada por 25 curtametraxes a concurso, distribuídas entre as seccións A Raia e Nova, mentres que Horizontes ofrecerá outras oito obras nunha sección paralela. “O FIC traballa para manter as bases sobre as que naceu inclusive dez anos despois. É dicir, achegar a Verín unha mirada ampla sobre o cinema contemporáneo sen perder a conexión co territorio galego-portugués”, segundo a organización.
A sección Nova reúne 16 curtametraxes de procedencias moi diversas e permite percorrer diferentes formas de abordar o presente a través da ficción, o documental e a animación. A selección combina primeiras obras con traballos de cineastas que contan con percorridos en festivais como Cannes, San Sebastián, Locarno, Venecia, Toronto ou Karlovy Vary. Entre os temas presentes aparecen a masculinidade e a violencia, a fama e a exposición pública, o cambio climático, os conflitos bélicos ou as migracións. A variedade das propostas tamén se reflicte nas súas linguaxes, con pezas que van desde a animación de moi curta duración ata relatos de ficción e obras de carácter documental.
Pola súa banda, A Raia incorpora nove curtametraxes vinculadas principalmente ao espazo galego-portugués, en consonancia coa vocación desta sección de poñer en relación as creacións a ambos lados da fronteira. A selección reúne obras de Portugal e Galicia xunto con coproducións con Francia, Croacia e Alemaña, e combina ficción, documental, animación e propostas autobiográficas. Entre os cineastas seleccionados hai autores e autoras con presenza en festivais como Cannes, Locarno, Clermont-Ferrand, Sarajevo ou Doclisboa, xunto con novas voces e primeiros traballos. Territorio, memoria, familia, coidados, masculinidade, migración e relacións de poder aparecen entre as cuestións que percorren as obras desta sección.
O programa conecta tamén co fío vertebrador desta décima edición, que baixo o lema A verdade nunca foi tan fráxil propón unha reflexión sobre un contexto marcado pola desinformación e o ruído dixital. Esta cuestión aparece de formas diferentes ao longo da programación, con obras que abordan directamente a relación cos medios e coa información ata outras que exploran conflitos sociais, políticos ou ambientais do presente.
As dúas seccións oficiais competirán polos principais premios do festival: o Premio do Xurado á Mellor Curtametraxe de A Raia e o Premio do Xurado á Mellor Curtametraxe de Nova, ambos dotados con 1.000 euros e trofeo. A programación contará ademais cun Premio Especial do Público, dotado con 600 euros e trofeo, e cun Premio do Xurado Novo, que escollerá unha curtametraxe das seccións oficiais e recibirá un premio non monetario.
Cinema máis alá das seccións oficiais
Nesta edición do FIC Vía XIV, Horizontes convértese nunha sección paralela formada por oito curtametraxes que quedan fóra das dúas categorías oficiais a concurso, aínda que poden optar ao Premio Especial do Público.
A selección amplía a diversidade de linguaxes da programación con propostas de Alemaña, Francia, España, Canadá, Irán, Reino Unido e Estados Unidos, e reúne ficción, animación, documental, ensaio audiovisual e vídeo collage. Varias das obras exploran cuestións especialmente próximas ao fío da edición, como a desinformación, a sobrecarga mediática, as redes sociais, as novas tecnoloxías ou a construción das narrativas arredor da realidade. A sección inclúe tamén traballos de artistas e cineastas con presenza en espazos e festivais internacionais como Tate Britain, a Bienal de Venecia, Sundance, Rotterdam ou DOK Leipzig.
