O ritmo da charanga Bembybrass marcaba o inicio do X Viñotapeo de Quereño (Rubiá). Comezaba a tocar, pasadas ás 20h. do 23 de maio, á beira do posto de entradas (cun prezo de 12 euros) e, a partir de aí, iniciaba un animado percorrido polas dez adegas que participaban na décima edición desta ruta enogastronómica, promovida pola Comisión de Festas de Quereño, “coa especial colaboración do pobo”, e co apoio do Concello de Rubiá.
Unhas 375 persoas sumábanse a esta celebración, cunca en man e pano rosa no pescozo, para desfrutar de viños brancos e tintos, así como de refrescos, e para saborear os deliciosos petiscos elaborados con sumo mimo pola veciñanza. Dende empanada, sopas de allo, ovos cocidos, chourizos, guiso de xabarín con patacas, albóndigas e filloas recheas ata garavanzos con lagostinos, entre outras propostas.
As as adegas das diferentes zonas que abrían ao público nesta edición eran as do Barrio do Regueiro, A Currelada, O QuintairoI, o Quintairo II, As Cortiñas, A Telleira, A Estación I, A Estación II, A Estación III e a Estación IV.
O percorrido finalizaba nas pistas onde se servía café e deliciosas sobremesas caseiras para os participantes, entre elas bica. Non faltaba tampouco a animación musical.
Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: O SIL.

