O Xeodestino “Trevinca-Valdeorras”, xestionado polo Inorde, acordaba esta mañá na súa reunión de seguimento avanzar na creación de produtos turísticos orientados ao patrimonio etnográfico tales como festas culturais, gastronómicas e populares. Tamén acordaron analizar a oferta turística vencellada ao turismo industrial como un factor diferencial que ten este destino.
Así o decidiron na reunión de seguimento celebrada hoxe na Casa Grande de Viloira (O Barco)-sede da Deputación en Valdeorras-, onde se determinaron as accións a desenvolver ao longo deste ano de xeito coordinado entre os 9 concellos que integran este xeodestino.
Ademais de aprobar a liquidación da anualidade 2025 do ente, na reunión acordaron continuar na liña de traballo marcada nos últimos anos encamiñada a xerar notoriedade do destino a través das canles dixitais e dos medios especializados de tirada nacional.

A comisión de seguimento creada polos concellos e o Inorde, que subscribe un convenio coa Axencia de Turismo de Galicia para promover o destino, continuará tamén “incentivando a aposta pola calidade e a sustentabilidade a través do SICTED que, actualmente, conta con 23 servizos turísticos públicos e privados distinguidos e 10 adheridos”, segundo esta entidade.
Os municipios que integran este xeodestino son: A Veiga, Larouco, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Petín, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras, A Rúa e Carballeda de Valdeorras.
Fotos: Carlos G. Hervella.


