No mediodía deste xoves 6 de novembro, tras unha xornada de traballo no Pazo do Castro (O Barco) tiña lugar a entrega dos distintivos SICTED (Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos) correspondentes ao Xeodestino Trevinca-Valdeorras, no que se recoñeceu o traballo e compromiso de 13 novos servizos turísticos que se incorporan ao proxecto: A Rectoral de Seadur (Larouco); Aira da Petada Hotel Boutique (A Veiga); Alan de Val (A Rúa); Aloxamento Boutique A Pontevella (Carballeda de Valdeorras); Apartamentos A Pontevella (Carballeda de Valdeorras); Asociación Ruta do Viño de Valdeorras (Vilamartín de Valdeorras); Bodegas Godeval (O Barco de Valdeorras); Casa del Castaño (O Barco de Valdeorras); Cecilia Fernández – Tenda de Viños (A Rúa); Dúplex Duquesa (O Barco de Valdeorras); La Capilla (O Bolo); Rutas Xanzá (O Barco de Valdeorras); Vilamorena (A Veiga).
O proxecto SICTED do Xeodestino Trevinca-Valdeorras suma xa 23 establecementos distinguidos, converténdose nun exemplo de coordinación e mellora continua para o sector turístico da provincia.
No acto, ao que tamén acudían representantes dos diferentes concellos, entre eles a alcaldesa de Larouco, o presidente do Inorde, Rosendo Fernández, destacou que “o turismo é unha das ferramentas máis poderosas para afrontar o reto demográfico e xerar novas oportunidades no rural, sempre que apostemos pola calidade e pola sustentabilidade”. Engadiu que o éxito deste destino “é froito da cooperación entre concellos, empresas e entidades, e da implicación do Inorde na execución das accións do convenio con Turismo de Galicia”.
Fernández concluíu agradecendo “o compromiso e esforzo de todos os servizos turísticos distinguidos, que contribúen a facer de Trevinca-Valdeorras un destino de calidade, sostible e con identidade propia”.

Itinerarios gastronómicos
Durante a mañá realizáronse as sesións de traballo para creación de Itinerarios Gastronómicos, en colaboración coa oferta do destino e a plataforma de referencia no sector “Escapada Rural”, dentro das actuacións contempladas no convenio con Turismo de Galicia, e no que participou o xefe da Área Provincial de Turismo en Ourense, Cecilio Santalices.


Fotos e vídeos.