Parada de Sil convertíase do 2 ao 5 de outubro en escenario do “XIII Congreso Internacional Minería e Metalurxia Histórica no SW Europeo”, un foro promovido pola Sociedade Española para a Defensa do Patrimonio Xeolóxico e Mineiro (SEDPGYM) co apoio do Concello de Parada de Sil xunto á Xunta de Galicia, o Inorde e a Cámara Oficial Mineira de Galicia.
O día 2 os asistentes visitaban as explotacións mineiras das zonas do Incio e Freixo (Monforte de Lemos). O día 5 percorrían a necrópole de San Vítor de Barxacova e o día 6 as minas na zona de Maceda,
No marco deste encontro, a Xunta de Galicia colocaba uns tótems na contorna da Casa do Concello de Parada de Sil para explicar diversos aspectos da temática que se desenvolvía dentro e que foron moi visitados polos veciños e visitantes.
Neste congreso participaban máis de 80 congresistas, e foi un éxito en canto ás comunicacións científicas e as conferencias que se impartiron. Destacou especialmente a conferencia inaugural do profesor Ícaro Frois da Silva, da Universidade de Lisboa, sobre a orixe dos xacementos metálicos no noroeste da península Ibérica.
Outro momento importante veu coa mesa redonda titulada “Minería e patrimonio mineiro en Galicia”, na que participaron o subdirector xeral de Recursos Minerais da Xunta, Diego Casal; a responsable da oficina técnica da Cámara Oficial Mineira de Galicia, Irene Pérez Cáceres, e Ramón Jiménez, do Museo Geominero do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España (IGME-CSIC). Ao longo da mesa redonda xurdiron temas de moito interese enfocados á protección do rico patrimonio mineiro de Galicia, un obxectivo importante para manter o patrimonio mineiro.
Ademais o acto inaugural do congreso contaba coa presenza de Pablo Fernández Vila, director Xeral de Planificación Enerxética e Minas da Xunta.
Os congresistas e a organización deste evento manifestábanse moi satisfeitos da celebración deste foro no marco incomparable incomparable da Ribeira Sacra e da acollida que lles dispensou a localidade de Parada de Sil, e a dicir do alcalde Aquilino Domínguez serán “novos embaixadores da Ribeira Sacra e do concello polo mundo adiante”.
Fotos cedidas.