BaloncestoDeportesÚltima hora

O xogador de baloncesto con orixes en Valdeorras, Oier Arias, xogará a Minicopa Endesa ACB 2025-26

 

Nesta fin de semana, pechando o mes de novembro, arrinca en Valencia a Minicopa Endesa 2025-26, a competición de baloncesto na que participarán 16 das canteiras de equipos da ACB na busca dun dos seis billetes para a fase final que se disputará en febreiro, estando xa clasificados o Barcelona como vixente campión e o Valencia Basket como equipo anfitrión.

Un deses equipos é o infantil do Bilbao Basket do que forma parte Oier Arias González, xove promesa do baloncesto que vive en Santurce (Biscaia) aínda que toda a súa familia é valdeorresa (de Vilamartín por parte materna e da Rúa por parte paterna).

 

 

E dende Valdeorras animarán ao seu equipo que protagonizará o primeiro dos partidos que se disputará mañá, venres 28 de novembro, ás 16 horas fronte a Unicaja, na Fonteta. Será o pistoletazo de saída a unha competición na que participarán máis de 200 mozos que seguen crecendo neste deporte, emulando a quen chegou a ser profesional tras pasar por esta prestixiosa competición como Ricky Rubio ou Luka Doncic, aínda que o principal é que desfruten do momento.

A competición está dividida en catro grupos e no de Oier, o grupo B, están ademais de Unicaja de Málaga, Cajasiete Fundación CB Canarias e MoraBanc Andorra.

Os partidos poderán verse en directo na canle de YouTube da ACB.

Back to top button