
O XVIII Concurso de Fotografía Rosa Pons, convocado por o Concello de Parada de Sil e pola Asociación Cultural Ouro do Sil, ao que concorrían 403 fotos, vén de dar a coñecer o seu fallo. Así o xurado acordaba que na modalidade “Visións de Parada de Sil” a foto gañadora foi “Vixilando ás Lavandeiras“ de Miguel Ignacio García de Vilariño Frío (Montederramo). Este primeiro premio está dotado con 800 euros.
En segundo lugar quedaba a instantánea titulada “A Volta na alma de Parada” de Manuel Fernandez de Madrid, que recibe 300 euros.

Os premios na modalidade libre foron o primeiro para Francisco Javier Domínguez, de Jerez de la Frontera, coa foto “Inseparables” que recibe 700 euros. E o segundo premio, dotado con 200 euros, era para Miguel Planellas de Banyoles-Girona coa foto “Interiores”.
O alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez, destaca a alta participación no certame con presenza de quince comunidades autónomas e de países como Arxentina, Portugal, Brasil e Uruguai. Ademais o rexedor recorda que este concurso está patrocinado dende o inicio polo empresario de Parada afincado en Barcelona, Camilo Yáñez, a quen agradece este apoio e agarda que se siga producindo.
Dende o Concello de Parada de Sil informan de que os galardóns entregaranse nun acto que se celebrará o día 28 de agosto no salón de plenos da Casa Consistorial, nun acto que se enmarca nas festas patronais de San Ramón.


