
Nesta fin de semana o Fulión Os Labregos vén de facer público o cartel da edición 21ª do seu desfile de fulións, que se celebrará o vindeiro domingo 8 de febreiro de 2026 a partir das 15:30h. na Pobra de Trives. Trátase dunha das xuntanzas máis numerosas de fulións non organizadas por un Concello.
Na imaxe do cartel deste ano decidían lembrar a devastadora pegada dos incendios do pasado agosto nas montañas das Terras de Trives. “O cartel deste ano nace dun lugar moi especial para todos nós: a nosa Serra A Cabeza Grande, ferida hai pouco pola peor vaga de incendios que lembramos. Onde antes había piñeiros, quedou o negro. Onde houbo silencio e cinza, hoxe queremos volver poñer vida”, din dende Os Labregos.
Por iso, continúan, “quixemos facer o cartel alí, coa neve cubrindo a ferida. Porque o branco simboliza a esperanza, o futuro, e tamén a forza económica e emocional que a neve ten para a nosa terra. É a imaxe do rexurdir, sen esquecer nunca a lección do que pasou. O rural non se vende, o rural deféndese. A nosa terra ardeu. Doeu. E moito”.