
É unha das incondicionais dende hai moitos anos e neste 2026 rendiranlle homenaxe. A XXXVIII edición do Encontro de Poetas do IEV estará adicado a Mª Emma Fernández Pérez, cunha semblanza sobre a súa vida e obra na primeira xornada, o venres 3 de xullo a partir das 20:30 horas no segundo andar da Casa Grande de Viloira, no Barco de Valdeorras, a onde regresaba o ano pasado tras décadas celebrándose na Rúa.
Ese día, a propia Emma será unha das poetas que reciten os seus textos xunto a outros oito. A música correrá por conta de Carlos Attadía (Compludo). Con todo o día central do encontro será o sábado 4 de xullo coa lectura dunha vintena de textos doutros tantos autores.
O Encontro de Poetas está organizado pola sección poético-literaria do Instituto de Estudos Valdeorreses, a cargo da barquense María Carmen Gago de forma conxunta con Emilio Vega, e eles serán os que abran e pechen a xornada do sábado que se completará coa actuación musical da Rondalla Sones de Cúa (Cacabelos), a entrega de galardóns e a cea de confraternización.


