
O obradoiro de escritura creativa, que tivo lugar na Praia Fluvial de San Clodio os días 17 e 18 de xullo, de carácter fundamentalmente práctico, ofreceu ás persoas participantes a posibilidade de escribir nun ambiente relaxado, colaborativo e libre de calquera presión avaliativa.
Para vencer o medo á páxina en branco, Xavier Frías utilizou viñetas sen texto de Quino como punto de partida para que cada participante desenvolvese breves historias inspiradas na súa propia interpretación. Tamén empregou microrrelatos da súa obra Sopa de Trol, propoñendo exercicios consistentes en ampliar os textos, modificar o inicio ou o final, engadir detalles ou describir con maior profundidade os personaxes. Noutra das actividades, a partir de frases moi breves, os asistentes tiveron que construír un relato completo.
A lectura compartida das producións puxo de manifesto as diferentes interpretacións, as preferencias individuais polo realismo ou pola imaxinación e, sobre todo, permitiu, guiados por Xavier Frías, aprender uns dos outros. A experiencia deixou unha conclusión compartida: todas as persoas poden construír unha literatura persoal de interese.
As producións serán revisadas polo escritor e, grazas ao financiamento do Concello de Ribas de Sil, reuniranse nunha sinxela publicación colectiva que, para moitos dos participantes, constituirá a súa primeira obra editada.

Outra das actividades que espertou un especial interese foi a creación cooperativa dunha historia inspirada no son das ras que, durante todo o curso, acompañaron as sesións desde a charca situada xunto á Aula de Pesca da Praia Fluvial de San Clodio. Xavier Frías iniciou o relato cunha ra que abandonaba a charca para bicar un humano. A partir dese punto, mediante a técnica cooperativa do folio rotatorio, cada asistente foi engadindo un fragmento ata completar unha historia cun final colectivo.
A proba final do curso consistiu en enfrontarse ao folio en branco. Sen máis indicacións, cada participante escribiu o seu propio relato, demostrando a autonomía creativa adquirida ao longo das distintas sesións.
Durante o obradoiro tamén houbo tempo para reflexionar sobre a inspiración, os hábitos de escritura, os lugares onde escribir e as posibilidades actuais de publicación. Xavier Frías animou os participantes a valorar os blogs e outros espazos dixitais como unha boa forma de iniciar o camiño literario antes de pensar na publicación dun libro.
Os textos publicados por Frías en castelán, galego e portugués serviron como exemplo das diferentes posibilidades da narrativa contemporánea.
Ao longo das sesións, Xavier Frías repetiu unha idea que moitos xa escoitaran, pero que cobra especial forza cando procede dun escritor: «Para ser un bo escritor, primeiro hai que ser un bo lector.»
O grupo participante foi moi heteroxéneo, con persoas de entre 16 e máis de 70 anos, procedentes maioritariamente de Ribas de Sil e Quiroga, aínda que tamén participou un asistente chegado desde Láncara.
O obradoiro foi inaugurado polo concelleiro de Educación e Cultura, Luis Fernández, e clausurado polo alcalde, Roberto Castro, quen fixo entrega dos diplomas acreditativos aos asistentes.

Xavier Frías Conde
Xavier Frías Conde naceu en Béjar (Salamanca), terra do seu pai. A súa nai era natural do concejo de Allande no occidente asturiano, pertencente á área de influencia do galego, onde o escritor tivo o seu primeiro contacto coa nosa lingua. Sen ser galego de nacemento pero un dos mellores coñecedores do idioma galego, é na actualidade profesor de Galego e Portugués na UNED de Madrid e autor de decenas de obras publicadas en galego, castelán e portugués. Doutor en Filoloxía, ao longo da súa carreira docente impartiu clase en todos os niveis educativos, desde Primaria á Universidade.
O escritor adoita resumir o seu compromiso coa lingua galega cunha frase que compartiu durante o obradoiro: «Négome a estar en Galicia e non usar outra lingua que non sexa o galego.»
