CulturaCulturaÚltima hora

Obradoiro de improvisación oral en verso e serán de regueifas na comarca de Quiroga

 

Dende o departamento de Normalización Lingüística, -impulsados dende o Concello de Quiroga polo concelleiro de Política Lingüística e organizados conxuntamente polos Concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel-, vaise levar a cabo un “Obradoiro de Improvisación Oral en Verso” e un “Serán de Regueifas” .

O obradoiro de Improvisación Oral en Verso, dirixido ao alumnado de 5º e 6º de Primaria dos CEIP destes tres municipios, levarase a cabo o venres 26 de setembro. Entre as 10:00 e as 11:30 h. no CPI Poeta Uxío Novoneyra de Folgoso do Courel para o alumnado deste centro educativo; e de 12:30 a 14:00 h. no salón de actos da Casa da Cultura de Quiroga, para o alumnado de Ribas de Sil e Quiroga.
A actividade comeza cunha pequena demostración por parte dos regueifeiros: Luís “O Caruncho” e Pinto d’Herbón.

No transcurso da sesión, que ten unha duración de 90 minutos, falarase sobre a historia da regueifa e de como chegou aos nosos días, sobre a improvisación oral no mundo e sobre as concomitancias co rap e outros estilos musicais. Haberá tamén unha exposición da parte técnica na construción dunha regueifa, e unha explicación do leixaprén -recurso métrico característico da poesía galegoportuguesa que consiste en tomar como primeiros versos dun par de estrofas os segundos versos do par anterior-.
Despois da parte teórica construiranse unha serie de coplas que se cantarán coa intención de practicar o ritmo da regueifa. Na última media hora, cada alumno/a fai as súas coplas individualmente.

Os obxectivos desta actividade, segundo matizou o concelleiro de Normalización Lingüística, Xosé Manuel Fernández, son fomentar o uso do galego; o enxeño, a retranca, e o aumento do vocabulario; mellorar a autoestima; fomentar a musicalidade; e sementar o gusto pola poesía.

A segunda das actividades programada, o “Serán de Regueifas” terá lugar o 3 de outubro no salón de actos do Concello de Ribas de Sil. A actuación de Nuria das Cruces e Luís “O Caruncho” dúas figuras destacadas da regueifa galega,  comezará ás sete da tarde. Estas dúas actividades están patrocinadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.

Dende o departamento de Normalización Lingüística queren achegar un agradecemento especial á ‘Asociación Oral de Galicia’ pola axuda para facer posibles estas actividades de improvisación oral. Esta asociación, sen ánimo de lucro, ten como finalidade a investigación e a promoción dos desafíos orais improvisados en verso como as regueifas ou os brindos.

 

Back to top button