
Esta mañá tiña lugar en Ribadavia un obradoiro ao aire libre dirixido a mulleres no climaterio, baixo o título “Movemento e consciencia nas etapas vitais femininas”. A actividade estaba organizada pola matrona e o persoal de enfermaría do Centro de Saúde de Ribadavia, en colaboración co Concello, e enmárcase no programa de Escolas de Saúde da Atención Primaria da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.
O obxectivo do taller foi promover a prevención de disfuncións do chan pélvico e molestias de espalda a través de exercicios de ioga adaptados. A proposta baseouse no movemento consciente e na activación da musculatura e das articulacións, ofrecendo ferramentas útiles para o benestar físico e emocional das participantes.

A sesión estaba impartida polas EIR de Matrona Estela Rodríguez —tamén instrutora de ioga— e Carla García, baixo a organización e supervisión da matrona responsable do centro, Isabel De la Torre.
Grazas ao apoio do Concello, puido desenvolverse nun espazo público, favorecendo así a accesibilidade e a participación da comunidade.
Ao obradoiro asistiron 13 mulleres, que valoraron moi positivamente a iniciativa, destacando o seu enfoque innovador e o beneficio que supón para a saúde feminina ao longo das distintas etapas da vida.