
Coincidindo co Día Mundial da Parada Cardíaca, a Unidade de Formación da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras organizou un obradoiro formativo dirixido aos profesionais sanitarios das unidades de hospitalización no Hospital Universitario de Ourense, co obxectivo principal de actualizar, reforzar e manter os coñecementos e habilidades da reanimación cardiopulmonar (RCP) entre o persoal sanitario.
Esta iniciativa intégrase no mantemento e difusión dos protocolos de actuación intrahospitalaria, que garante unha resposta rápida e eficaz ante a parada cardíaca súbita.
Durante a sesión, os enfermeiros Joaquín Fernández e Silvia Vázquez encargáronse de impartir teorías e prácticas, adaptadas ás condicións reais das áreas de hospitalización.

Formación continua en RCP
A parada cardíaca súbita representa unha das emerxencias médicas con maior risco vital inmediato. Segundo os principios do Día Mundial da Parada Cardíaca, un factor clave para aumentar as posibilidades de supervivencia é o inicio inmediato da RCP torácica, sen dilacións nin interrupcións prolongadas.
Co obradoiro celebrado hoxe, a Unidade de Formación busca que os profesionais teñan maior confianza e competencia á hora de actuar fronte a unha parada cardíaca ali onde se producise.
Finalmente, a coincidencia coa data conmemorativa serve para concienciar non só ao persoal sanitario senón á cidadanía sobre a importancia da RCP inmediata: cada segundo conta e “facer algo” sempre é mellor que non facer nada, como lembra a mensaxe central do Día Mundial da Parada Cardíaca.
