CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Obradoiro literario no IES Lauro Olmo do Barco para reflexionar sobre a liberdade e a democracia

Eladio Santos asistía a esta actividade enmarcada na programación impulsada pola Subdelegación do Goberno e o Comisionado para os 50 anos de España en Liberdade

 

Na mañá deste martes 13 de outubro, o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, asistía a un taller de creación literaria no marco do certame “Relatos da liberdade”, un festival para promover a reflexión da mocidade sobre os dereitos e liberdades a través da literatura. O subdelegado participaba no IES Lauro Olmo do Barco de Valdeorras nun dos obradoiros que imparte, dentro desta iniciativa, Sonia Hermida, especialista en literatura infantil e xuvenil.

O festival literario “Relatos da liberdade”, organizado pola Delegación do Goberno en Galicia, encádrase na conmemoración “España en Liberdade. 50 anos”, impulsada polo Comisionado do Goberno para esta celebración do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática.

No obradoiro, Eladio Santos destacou a importancia da literatura como ferramenta de difusión dos valores democráticos. “As obras literarias poden chegar a todo o mundo de forma creativa e entretida e posúen o poder de cambiar as cousas”, sinalou. Ademais, o subdelegado cualificou de esencial chegar á xente nova para que coñezan o pasado.

 

 

“Relatos da liberdade”

A iniciativa está dirixida a rapaces e rapazas nacidos entre 2009 e 2011, fundamentalmente o alumnado de 4º da ESO e 1º de Bacharelato. Cada persoa participante poderá presentar un relato ata o 20 de novembro. O obxectivo é achegar ás novas xeracións a historia recente de España e promover a reflexión desde a literatura sobre a importancia dos valores democráticos e da vida en liberdade. “Está pensada para que os alumnos desenvolvan as súas habilidade na escrita, sempre vinculadas a estas temáticas”, di Sonia, explicando que, como parte desta iniciativa, celébranse obradoiros gratuítos de escritura creativa e relato curto, con sesións centradas en técnicas de creatividade literaria. “O certame convocouse hai pouco e este é o primeiro obradoiro”.

Celébrase un por provincia e o de Ourense tiña lugar no instituto barquense.

Fotos: O SIL.

Back to top button