
O Concello de Viana do Bolo vén de completar unha actuación de mellora no cemiterio municipal, coa finalidade de “facilitar o acceso, incrementar a comodidade das persoas usuarias e dignificar un espazo de especial significado para toda a veciñanza”, tal e como informa o seu grupo de goberno.
En concreto, as actuacións realizadas consistían no arranxo e formigonado do acceso ao cemiterio dende a rúa do Sarito, formigonado dos camiños interiores do recinto, mellorando a accesibilidade e o tránsito; ademais da instalación de tres fontes distribuídas por diferentes puntos do cemiterio, facilitando a recollida de auga para o coidado e rego das flores.
“Con esta intervención, o Concello continúa traballando na conservación e mellora dos espazos públicos, prestando especial atención a un lugar que forma parte da memoria colectiva de Viana do Bolo”, indican dende o Concello, asegurando ademais que con esta intervención búscase “ofrecer un recinto máis accesible, cómodo e agradable para as familias que visitan aos seus seres queridos, ao tempo que rende unha merecida homenaxe ás persoas que alí descansan, garantindo un espazo digno e respectuoso coa súa memoria”.