
A música galega protagonizará a banda sonora da 64ª Festa do Pulpo, que se celebrará este domingo, 9 de agosto, no Parque Municipal. Como é habitual, o público poderá desfrutar do Festival Folclórico de Música e Danza Tradicional durante toda a xornada, desde ás 12,00 ata as 20,00 horas. Un total de oito grupos galegos participan na cita, que arranca co pasarrúas de Feitizo de Pau, a Banda de Gaitas Os Catro Ventos, Feixoada e Os Serandeiros. As catro agrupacións tocarán de xeito itinerante repartidas polos diferentes espazos do Parque, amenizando tanto as tabernas como as zonas de comida de familias e amizades.
O entorno do palco da música do Parque acollerá o resto de concertos a partir das 12,30 horas. O espectáculo infantil da compañía Oviravai, “Paio e o poder da música”, inicia a programación cunha proposta dirixida ao público familiar. Pequenos e maiores acompañarán ao oso Aurelio e ao armadillo Armando nas súas divertidas aventuras, nas que descubrirán o poder da música e da amizade. Ás 14,00 horas será a quenda de Maianas, cinco pandereteiras e cantareiras de Ames que porán a bailar ao público co seu repertorio tradicional.
Despois do xantar, ás 15,30 horas, actuará o grupo Pataghulhos. Esta agrupación do Morrazo mestura instrumentos tradicionais como a gaita e o bombo con violíns e guitarras. O grupo Ardentía será o encargado de poñer o broche de ouro do Festival Folclórico a partir das 19,00 horas. A banda viguesa, que conta cunha longa traxectoria profesional, é unha das formacións máis destacadas do panorama da música tradicional galega.