
Entre o 20 e o 30 de marzo celebrarase a XIV edición do Val de Quiroga de Tapas. Once establecementos serán os que participen este ano, sete de Quiroga: O Portón, A Botica, Chapacuña 3, Matrioshka, Quiper, a Adega de María e o mesón Terriña Salvaxe; e catro de Ribas de Sil: A Cabina, Las Vegas, Restaurante Praia Fluvial e Mesón Luís.
O funcionamento do concurso será o mesmo que en anos anteriores. A tapa que cada establecemento presenta a concurso, a un prezo de 2€, deberá estar a disposición do público consumidor entre as 12 e as 14:30 e as 19:00 e as 22:30 horas. Con cada tapa o establecemento concursante deberá de selar o tapacartón do cliente, que se pode recoller en calquera dos establecementos que concursan.
Cando o cliente complete a degustación de todas as tapas participantes poderá votar a súa favorita utilizando o mesmo tapacartón poñendo o nome da que elixe como gañadora e os datos da persoa participante e introducindo o mesmo nas urnas oficiais do concurso. Os concursantes terán de prazo ata o último día do concurso, o día 30, ás 23 hpras para depositar os cartóns con todos os selos en calquera das urnas situadas en cada establecemento participante.

O establecemento gañador recibirá unha placa conmemorativa e 100€ en metálico. Pero ademais os participantes que completen a degustación das tapas e voten á tapa que máis lles gustou entrarán nun sorteo no que poden gañar diferentes premios. 200€ e 100€ en metálico; dúas entradas para o descenso de Barrancos polo río Ferreiriño do programa Descubrir Quiroga; dúas entradas pra o descenso en piraguas por Augas Mestas do programa Descubrir Quiroga; seis paquetes para 2 persoas da ruta guiada polo Xeoparque Montañas do Courel con degustación dos “Sabores das nosas rochas”; unha ruta guiada en Segway para dúas persoas polos canóns do Sil con Enoturismo Galicia; un almorzo para dous na Confitería Panadería Moure de Monforte de Lemos; unha visita guiada en Bodega Val do Frade de Vilachá na Pobra do Brollón; unha cea para dúas persoas en Chapakuña 3; dous menús en Bar a Cabina de San Clodio; un vale de 50€, no restaurante Praia Fluvial de San Clodio; unha estancia para dúas persoas con almorzo no Hotel-Restaurante Las Vegas de San Clodio; Unha comida para dous na Botica ou cestas con produtos típicos da zona: Aceiroga, Atrium Vitis, Casa de Outeiro, Caurelor, EDV 2015, Val de Quiroga e Lar de Ricobao.
