
Once alumnos e alumnas dos estudos de ciclo medio de Coidados Auxiliares de Enfermería, do IES Lauro Olmo do Barco, veñen de iniciar hoxe a súa etapa de formación en centros de traballo (FCT) no Hospital Público de Valdeorras, onde permanecerán ata o 15 de decembro, para o completar o seu período de prácticas, precisas para obter o título como Técnico en Coidados Auxiliares de Enfermería (TCAE).
Os estudantes foron recibidos hoxe por María Santos, subdirectora de enfermería do centro, xunto coas a titoras e titores que os acompañarán ao longo deste período formativo, que lles deron a benvida ao que será o seu novo centro de traballo e formación, ata completar as prácticas, rotando polos distintos servizos e unidades do hospital. Por norma xeral este período ten unha duración de 440 horas, aínda que nunha pequena porcentaxe de estudantes esta redúcese a 180 ou 220 horas.
O alumnado do IES Lauro Olmo forma parte dun colectivo dun centenar de estudantes desta disciplina, nos distintos centros formativos que a imparten na provincia, e que se incorporarán ao longo deste mes aos tres hospitais públicos da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras.
No Hospital Universitario de Ourense incorporaranse 76 alumnos/as procedentes de CIFP A Carballeira-Marcos Valcarcel, en todas as súas modalidades (Adulto, Dual, Ordinario), CPR San Martín, Escola Santo Cristo de Ourense, EFA A Cancela de Pontevedra e do Centro de FP Ilerna. Pola súa parte, o Hospital Público de Verín acollerá a 13 alumnos/as do IES García Barbón.
Contacto directo cos pacientes e os equipos de enfermería
O obxectivo principal deste período é formar ao alumnado para a adquisición de coñecementos e habilidades necesarias para o bo desempeño das funcións que realizarán como TCAE. Para elo é necesario que o alumnado coñeza o funcionamento do hospital, e as súas distintas unidades ou servizos, rotando durante as prácticas ao menos por dúas unidades ou servizos, establecendo un contacto directo cos pacientes e os equipos de enfermería.
O paso polas unidades de hospitalización é clave para aprender algunhas das funcións básicas da profesión, como o aseo; a mobilización de pacientes segundo as súa patoloxía; a alimentación; coñecer os síntomas ou signos de alarma; adquirir os conceptos avanzados en canto ás técnicas de traballo ou a educación familiar e comunitaria, entre outras. Igualmente, nos servizos onde existen distintas unidades, rotan por todas co obxectivo de adquirir os coñecementos necesarios para o bo funcionamento dos mesmos.
O alumnado tamén recibirá formación por parte da Unidade de Prevención de Riscos Laborais, do Servizo de Medicina Preventiva e Saúde Pública, sobre manexo de residuos, illamentos, colocación e retirada dos equipos de protección individual (EPIs) a importancia da correcta hixiene de mans no persoal sanitario, ou hábitos posturais para evitar lesións.
Ademais, os futuros técnicos recibirán formación, desde as unidades administrativas do Servizo de Persoal, para o emprego das aplicacións de uso habitual no Servizo Galego de Saúde para acceder ao expediente electrónico: Procedementos para inscribirse nas listas de contratación; como incorporar a documentación sobre os seus cursos, experiencia ou méritos nas listas, así como realizar calquera actualización de méritos.
Tamén de ciclo medio, en outubro está prevista a incorporación dos alumnos de Farmacia e Parafarmacia, que terán un período formativo de 410 horas nos hospitais do Servizo Galego de Saúde en Ourense.