CulturaCulturaÚltima hora

O’Potiños sairá á rúa este domingo para retratar á veciñanza do Carballiño

 

A asociación fotográfica O’Potiños, en colaboración co Concello do Carballiño, sairá á rúa este domingo, 24 de maio, para retratar á veciñanza da vila e amosar o traballo que realizan durante todo o ano. A actividade, “Pon unha foto na rúa”, celébrase a nivel mundial co obxectivo de sacar a arte ás rúas e facela máis accesible para toda a poboación. “Grazas ao traballo da asociación temos esta xornada aquí e temos moitos recordos da poboación da nosa vila”, destacou esta mañá Diego Fernández, concelleiro de Cultura, durante a presentación da xornada.

Os integrantes de O’Potiños estarán na Praza Maior desde as 10,00 ata as 14,00 horas, preparados para fotografar á veciñanza. “Ano tras ano vemos que xa non fai falta avisar á xente para que veña posar, senón que veñen familias enteiras porque queren ter este recordo a través dos anos”, explicou Manolo Celta, presidente da entidade. Como en anteriores xornadas, os fotógrafos realizarán arredor de 300 fotografías, das que logo se revelará unha parte. “Estarán expostas no edificio Ramón durante o mes próximo, e despois a xente poderá recollelas”, detallou.

Este ano, o escenario para os retratos é “moi chamativo”, e desde O’Potiños esperan que guste e que a veciñanza se achegue e participe. Outra das novidades é o regalo de fotografías a toda aquela persoa que se achegue. “Imos ter un importante número de imaxes das nosas coleccións, en formato grande e sobre cartón pluma, para regalar. En principio, daremos unha fotografía por persoa”, sinalou Felipe Gallego, tesoureiro da asociación.

 

Back to top button