
Os catorce Puntos de Atención Continuada (PAC) da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras atenderon este Nadal un total de 10.071 urxencias, unha cifra que amosa o papel central destes dispositivos de atención primaria que, do 23 de decembro ao 6 de xaneiro, foron quen de dar resposta a case o dobre de urxencias que os tres hospitais da provincia, con 5.332 atencións rexistradas ata o 5 de xaneiro.
Nadal é tradicionalmente un dos períodos con maior presión asistencial, situación intensificada este ano, pola coincidencia da maior expansión da gripe, o que provocou importantes incrementos na demanda, con picos moi acusados en determinados días.
A nivel provincial, as xornadas con maior número de atencións foron o 4 de xaneiro, con 1.093 urxencias, e o 28 de decembro, con 1.071, seguidas do 25 de decembro e do 1 de xaneiro, o que evidencia que tanto as datas festivas como os días inmediatamente posteriores concentran unha elevada carga asistencial.
En canto á actividade acumulada por centros, como é habitual o PAC de Ourense foi o que rexistrou un maior volume de atencións, con 2.837 urxencias atendidas, seguido polos PAC do Carballiño, con 1.102; O Barco de Valdeorras, con 1.066; de Verín, con 920; e de Xinzo de Limia, con 902. Estes cinco dispositivos, que a súa vez coinciden cos puntos de maior poboación, concentraron unha parte moi relevante do total de atencións rexistradas.
Variabilidade por centros
Un aspecto especialmente salientable é a gran variabilidade nos picos de actividade, segundo o centro, xa que non todos acadaron os seus máximos asistenciais nos mesmos días. Así, o PAC de Ourense rexistrou o seu maior pico o 3 de xaneiro, con 343 atencións nunha soa xornada, mentres que no Carballiño o día de maior demanda foi o propio 25 de decembro (125 atencións).
Curiosamente, nos PAC de O Barco de Valdeorras e Verín, ambos situados en ambos hospitais públicos, xunto ao servizo de urxencias, o pico coincidiu o 28 de decembro, a súa vez a segunda xornadas máis intensa a nivel provincial, con 1.071 atencións.
En Xinzo de Limia (con 116 urxencias) e Ribadavia (99), acadaron o seu máximo número número de atencións neste período o 4 de xaneiro, o que vén confirmar que a presión asistencial non se limita aos festivos de nadal ou días posteriores, senón que se estende ao conxunto do período festivo.

Autonomía e resolutividade da Primaria
Cómpre subliñar tamén a alta capacidade resolutiva da Atención Primaria, e por suposto dos seus profesionais, que dan resposta autónoma á práctica totalidade das urxencias que atenden, sen necesidade de derivar aos pacientes ao hospital.
En Ourense a porcentaxe de derivación sitúase historicamente, por debaixo do 10% de media, o que tamén se cumpriu neste período. Durante este mes de decembro, a porcentaxe de derivación dos PAC aos hospitais de referencia, non alcanzou o nove por cento (8,79%), un dato que confirma a eficacia, a calidade asistencial e o papel clave destes dispositivos de proximidade na sostibilidade do sistema sanitario.
Desde a dirección da Área Sanitaria tamén se quere destacar o papel da rede de centros de saúde e consultorios da provincia, para facer fronte a este esixente período, no que é preciso equilibrar as necesidades asistenciais, co dereito a descanso do persoal e as baixas laborais que afectan tanto aos profesionais como a poboación.
A actividade asistencial resolta pon en valor o esforzo dos profesionais e a capacidade da rede de Atención Primaria, para absorber os picos de demanda asistencial, nun dos períodos máis complexos do ano, garantindo unha atención próxima, eficaz e resolutiva á cidadanía.