
Os alcaldes de Parada de Sil e da Teixeira, Aquilino Domínguez e Xosé Vázquez, veñen de emitir unha nota de prensa na que indica que a veciñanza deste municipio e da Teixeira “sen aviso previo, non disporán de médico nesta semana tendo que desprazarse a Castro Caldelas se se poñen enfermos e, ademais, isto dificulta a renovación dos medicamentos xa que aínda que se pode facer por teléfono, para o rural falar coas máquinas, despois de marcar varios numeritos, aumenta as dificultades”.
Os rexedores refírense, “unha vez máis, á diferenza entre a teroría e a práctica na defensa do rural” e “manifestan o seu enfado por esta actitude da Consellería de Sanidade que marxina a uns concellos do rural profundo ourensán. Hai que ter en conta ademáis que en tres destes concellos hai centros de xeriatría que quedan mal atendidos, podendo producirse o colapso do Centro de Castro Caldelas. Seguramenta a Consellería optou pola solución máis fácil, xa que se podería facer unha rotación con turnos de media mañá en cada un dos concellos agrupando Teixeira e Parada e Montederramo e Chandrexa de Queixa”.
Así mesmo os alcaldes fan un chamamento “á cordura da Consellería para que arbitre outra solución”. Do contrario, adiantan, valorarán “as acción a levar a cabo”.
Dende o Sergas explican que esta falta de médico “é un tema puntual dunha única mañá (o 26 de decembro), para garantir a asistencia centralizarase en Castro Caldelas -como xa se fixo noutras ocasións- a coincidencia de festivos, dereito a libranza do persoal, baixas… obriga a coordinar os efectivos dispoñibles para asistir a todos os usuarios”. Así mesmo indican que os pacientes van “estar atendidos e está avisado 061 e o PAC”.