ConcellosEn portadaÚltima horaVídeos

Os alcaldes de Vilamartín, A Rúa e Petín reúnense coa Xunta para falar dos arrastres polos lumes

A Xunta comprométese a intentar manter unha reunión conxunta cos alcades e coa CHMS para "coordinar as actuacións porque non temos coñecemento do que van facer" dende ese organismo

 

A Delegación da Xunta de Galicia na cidade de Ourense acollía na mañá deste 6 de novembro unha xuntanza dos rexedores de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez; da Rúa, María G. Albert; e de de Petín, Raquel Bautista con representantes do goberno galego na que lles plantexaban a grave problemática que están a sufrir no subministro de auga potable á veciñanza por mor dos arrastres producidos pola vaga de incendios que asolaba á comarca en agosto. Na reunión participaban o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo; a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez; e a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañados do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, entre outras autoridades.

 

 

Tras a xuntanza, que o conselleiro de Presidencia cualificaba de “bastante proveitosa”, os representantes da Xunta ofrecían unha rolda de prensa aos medios de comunicación, na que Diego Calvo comentaba que se lles explicou aos rexedores cal foi a actuación da Xunta de Galicia “a raíz dos incendios deste verán, unha vez que foron apagados os lumes por parte de Medio Rural nas distintas zonas de Ourense, tamén as medidas de Medio Ambiente, na zona onde temos competencias e as axudas que o goberno galego puxo en tempo récord a disposición dos concellos para que puidesen cubrir todos os custos ocasionados polos incendios e tamén os custos dos veciños”.

 

 

Calvo comentaba tamén que se lles daba conta aos rexedores das actuacións que está levando a cabo a Consellería do Medio Rural nos montes para evitar eses arrastres ou para minorizalos”. O conselleiro de Presidencia avanzaba tamén que se comprometeron ante os alcaldes a “priorizar para o ano que vén aos concellos afectados polo lume nas nosas liñas de axuda ás actuacións necesarias para que se solucionen problemas, que en ocasións eran problemas estruturais dos concellos, e tamén a tentar convocar unha reunión co presidente da Confederación Hidrográfica do MIño-Sil (CHMS) para coordinar as actuacións porque non temos coñecemento do que van facer”.

Os representantes da Xunta aseguraban que as competencias na xestión do dominio público hidráulico -as canles fluviais e os sistemas de abastecemento e saneamento de auga- na provincia de Ourense corresponden á Confederación Hidrográfica Miño-Sil e á Confederación Hidrográfica do Douro.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

 

 

 

Back to top button