DeportesÚltima hora

Os alicerces do tiro con arco en Valdeorras: Víctor Nogueira e o seu legado

Víctor Nogueira.

 

Se unha persoa vai por A Rúa e menciona o nome de Víctor Nogueira seguramente digan, o de tiro con arco? Porque Víctor á parte de ser moi coñecido entre os seus veciños e veciñas era un referente neste deporte.

Hai xa un ano que nos deixou, pero no club que fundou aínda segue presente o seu recordo, tanto é así que presentará unha solicitude ao Concello para poñerlle o seu nome ao campo de tiro xestionado por este. Dende o club somos conscientes de todo o que o noso ben querido presidente loitou para contar cunhas instalacións nas que adestrar ao aire libre e por iso os que o coñeciamos cremos que é a persoa indicada para darlle nome á instalación.

E aínda que moitos e moitas asociamos a Víctor Nogueira Meléndez co tiro con arco e o club Arqueiros do Sil pouco sabemos do que supuxo para este deporte. Antes de vires de León o tiro con arco era algo descoñecido na comarca e un deporte. Pero Víctor era un entusiasta do mesmo e cando chegou á Rúa non quería deixar de practicar algo que tanta satisfacción lle deu ao longo da súa vida deportiva, pois chegaba cun moi bo nivel coa insignia de mestre arqueiro baixo o seu poder, entre outros recoñecementos deportivos, e unha licenza de monitor nacional que lle permitía ensinar esta disciplina deportiva.

E dito e feito, coa colaboración do Concello organizou o primeiro curso de tiro con arco da comarca onde moitos dos participantes se engancharon a tan nobre deporte. De aí xurdiu a necesidade de crear un club e así naceu Arqueiros do Sil no ano 2002 sendo Víctor quen ostentase a presidencia do mesmo, coa que continuou practicamente a maior parte dos anos do club.

 

Trofeo do embudo.

Pero a historia non ía rematar aínda. Os cursos de tiro chegaron tamén ao Barco onde se desenvolveu unha escola deportiva conseguindo que máis xente se apuntase a un deporte minoritario pero en alza grazas a difusión que del se estaba a facer. Pouco tempo despois nacería o club Arco Barco.

Os arqueiros e arqueiras de Valdeorras non debemos esquecer a orixe do que sen dúbida é un deporte que aumentou en adeptos, títulos deportivos e na organización de numerosas competicións. Hai anos Arqueiros do Sil organizaba dúas competicións ao ano que atraía a numerosos deportistas de renome e de moitos clubs do territorio nacional. Moitas e moitos arqueiros que acudían a estas competicións facíano porque coñecían a Víctor, que estivo en numerosos clubs da xeografía española: Cáceres, Santurce, Burgos, San Sebastián… E detrás da estela que nos deixou seguimos coa organización e ilusión de traer competicións a estas terras onde moitos dos arqueiros que nos visitan lembran o famoso trofeo do embudo (o embudo representaba a “máquina de facer 10”) que se entregaba ao que quedaba en último lugar pero polo que moitos se disputaban ese posto por conseguir tan emblemático trofeo. Era un trofeo feito con amor a man pola muller do propio Víctor que tiña e ten un don para as manualidades, moitos tivo que pintar!

Todas estas lembranzas magoan pola perda, pero reconfortan polo que significou e significa Víctor en todos e cada un dos seus discípulos. Grazas “sensei” por todos os momentos e ensinanzas. Frechas ao ceo.

Texto e fotos: Club Arqueiros do Sil.

Back to top button