CulturaCulturaMúsicaÚltima horaVídeos

Os bailes, ritmos e cantos de Panamá, Senegal e México, en Viana do Bolo

A praza Maior da vila acollía na noite do 15 de agosto as actuacións das Xornadas de Folclore de Ourense

 

Viana do Bolo e Entrimo convertíanse neste 15 de agosto en epicentro das Xornadas de Folclore, o evento cultural máis importante da provincia ourensá do mes de agosto, organizado pola Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e dos diferentes concellos anfitrións.

As manifestacións folclóricas que amosan a tradición e a música doutras partes do mundo comezaban na Alameda de Entrimo coas agrupacións Fundación Ballet Folclórico de Nobsa Colombia, o grupo de Taiwán Yuan Yuan Dance Group e Kud Srem, de Serbia. Arredor de 90 artistas pasarán polo escenario en dous pases diferentes.

 

 

Na Praza Maior de Viana do Bolo, xa a partir das 22:30h., o protagonismo recaía en Panamá, Senegal e México. Os primeiros en saír ao escenario eran os danzantes e músicos panameños da Academia Andrés Valiente, Danza y Proyecciones Folklóricas, grupo creado en 1995 na provincia de Colón.

O seu principal obxectivo é a divulgación das danzas folclóricas, con propostas creativas, pero sen perder a esencia da tradición. Co seu traballo buscan contribuír á salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial do Panamá e a súa transferencia de xeración en xeración. A nivel internacional ten representado a Panamá en máis de 19 países, tanto de América como de Europa, sendo membro do CIOFF Panamá dende hai 13 anos. Seguidamente actuaban o Ballet Jammu de Senegal e o festival finalizará coas danzas do Ballet Folk Instituto Tecnológico de Celaya, México.

 

 

Mañá, 16 de agosto: A Rúa e Allariz

A XXXIX edición das Xornadas de Folclore continúa mañá o seu percorrido pola provincia, con parada nas vilas de A Rúa e Allariz. As agrupacións de Panamá, Senegal e México actuarán no Parque do Aguillón, A Rúa, ás 22:30 horas.

O campo da Barreira en Allariz recibirá aos músicos e danzantes chegados dende Colombia, Taiwán e Serbia, a partir das 22:30 horas.

Fotos: O SIL.

Back to top button