CulturaCulturaÚltima hora

Os Bolechas e a Casa do Chocolate de Teimende (Parada de Sil)

 

Os populares personaxes da serie Os Bolechas convertíanse este sábado en protagonistas no espazo museográfico Casa do Chocolate de Teimende (Parada de Sil), durante a xornada de presentación do capítulo que conta a historia do chocolate e da antiga fábrica deste produto, que a familia Casares creaba hai máis dun século. Da posta en escea encargáronse un grupo de actores aficionados, entre os que figuraban nenos de Parada de Sil, ante un nutrido grupo de visitantes en cada unha das dúas representacións programadas, ás doce da mañá e ás cinco da tarde.

A escenificación comezaba coa narración da orixe do chocolate, que se sitúa na civilización azteca. Chegaba a Europa a finais do século XVI da man de Hernán Cortés. Parece ser que foi no Mosterio de Piedra (Zaragoza), onde se triturou sobre nunha pedra (que logo se denominaría metate), dando lugar ao chocolate á taza. Nos principios foi consumido como unha bebida amarga e especiada, estendéndose o seu consumo entre a realeza e as clases altas da época. Porén, a súa popularización non chegou ata tres séculos despois, cando se comercializou en tabletas (as populares libras) e os bombóns, que baixo distintos formatos chegaron ata hoxe.

Xa no ocaso do século XIX, o cacao chegou á Teimende da man de Pedro Casares, que puxo en marcha unha pequena fábrica totalmente artesanal. A Pedro sucederíao o seu fillo, Arturo, a primeiros do XX, que á súa vez pasaría o testigo relevo ao seu fillo Ricardo a finais da década dos corenta. Con el acabaría a fabricación do chocolate a finais dos oitenta, permanecendo pechada ata a sua reapertura como museo, coa que se conservou a edificación e a maquinaria utilizada na elaboración do chocolate.

O público seguiu con moita atención a narración dos actores, que foron moi aplaudidos nos dous pases da xornada. Ao remate, os asistentes recibían como agasallo unha bolsiña con sementes de cacao, xentileza das fillas do último chocolateiro.

O alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez, amosaba a súa satisfacción polo éxito da iniciativa, “que nos compromete a seguir traballando para poder amparar a evolución que, paso a paso, rexistra este espazo tan singular”. Lembraba, asimesmo, que a xornada e a edición do libriño dos Bolechas foi posible grazas ao respaldo económico da Consellería de Cultura.

 

Back to top button