CulturaCulturaÚltima hora

“Os Bolechas” recrean a historia da Casa do Chocolate de Parada de Sil

A colección museográfica de Teimende ofrecerá o próximo sábado duas representación basadas no relato dos persoeiros da popular serie infantil

A colección museográfica Casa do Chocolate de Teimende (Parada de Sil), dependente do Concello e recentemente integrada na Rede galega de museos e espazos museográficos, vén de publicar un capítulo da serie Os Bolechas, no que os seus populares protagonistas recrean a singular historia do enclave chocolateiro, actualmente o único desas características existente en Galicia.

A posta de longo desta iniciativa terá lugar o próximo sábado, día 11 de outubro, con senllas representacións teatralizadas pola mañá (12h.) e pola tarde (ás 17h.) baseadas no contido historieta dos Bolechas. O elenco artístico, totalmente amateur, está formado por xente vencellada á docencia, así como expertos en teatro infantil e tamén nenos de Parada de Sil.

Así o explicaron o alcalde de Parada, Aquilino Domínguez, e Loli Casares, integrante do Consello Asesor da Casa do Chocolate, ademais de filla de Ricardo Casares, último dos chocolateiros da saga, co que rematou a aventura.

O rexedor municipal subliña que “todo comezou alá polo 2012, cando o entón alcalde de Parada de Sil, Paco Magide, lle plantexou á familia Casares a idea dunha cesión do local e a maquinaria pola parte dos propietarios. A receptividade foi absoluta e aquel xérmolo deu na apertura da Casa do Chocolate, que foi avanzando e dando pasos con distintas iniciativas que permitiron que fose recoñecida oficialmente como colección museográfica e integrada na rede galega de espazos museográficos”.

Domínguez lembraba que todo isto é posible con “algo de talento, esforzo persoal de moita xente e diñeiro. Nós somos un concello con recursos moi limitados, polo que o respaldo da Consellería de Cultura foi determinante para levar a cabo esta idea”.

 

 

Neste senso, Loli Casares, facía fincapé “na importancia deste fito, posto que á parte de ser único na Comunidade Autónoma, “permite abordar novas iniciativas, como a dos Bolechas, que será unha máis das que estamos convencidos irán xurdindo periódicamente”. E engadía que, “de feito, nas últimas semanas xa celebramos a xornada adicada ao Día Mundial dos Museos, así como a do Día Mundial do Chocolate, ámbalas duas con programación específica”.

Aquilino Domínguez amosaba a sua convicción de que ”o momento no que estamos vai a reportarnos moitas satisfaccións, converténdose nun espazo cultural que irá máis alá da historia do chocolate. Para elo contamos poder anunciar no prazo máis curto posible a adquisición dunha vella edificación lindante co museo, para a sua rehabilitación e para converter o enclave liderado pola Casa do Chocolate nun centro acolledor e difusor de cultura”.

Loli Casares incidía nesta idea, desexando que “ogallá que sexa a primeira de outras aventuras e que pronto poidamos celebrar a ampliación do espazo expositivo, que dará novas oportunidades para impulsar e espallar manifestacións ou expresións da cultura en calquera das súas vertentes e afondar no que significou de verdade a fábrica do chocolate para Teimende e Parada, na sua vertente solidaria que ía máis alá do negocio familiar”.

Fotos cedidas.

Back to top button