Cos bombos de sete folións tocando ao unísomo na praza de Petín, en memoria de Luis, remataba na tarde deste sábado 31 de xaneiro a xuntanza organizada polos Arrieiros. Era a súa forma de rendirlle homenaxe a Luis Alves da Silva, un dos seus membros máis acérrimo que falecía hai uns meses nun fatídico accidente laboral.
A xuntanza comezaba pasadas as cinco da tarde na zona das adegas, percorrendo a rúa Santiago e a zona vella da vila ata a praza. Abrían Os Arrieiros, visiblemente emocionados e cun pano coa mensaxe “Luis siempre con nosotros” en cada bombo, e despois baixaban As Tablillas de Valdín-Porto, O Irrio de Castro Caldelas, o Folión de Chandrexa de Queixa, O Fiadeiro de Trives, o Folión de Sobrado e Os Labregos, os dous de Trives.





Unha vez rematado o percorrido de todos os folións, chegaba o momento máis esperado e emotivo da velada. Na farola do centro da praza colocaban o bombo de Luis cunha foto súa custodiado polas dúas máscaras do folión e con vengalas acesas soltaban ao ceo un ramo de globos brancos co seu nome.




Antes Os Arrieiros daban as grazas aos asistentes, asegurando sentir unha gran alegría por telos un ano máis pero tamén unha profunda tristeza pola ausencia dun compañeiro “que era un amigo, pois sempre estaba aí para nós”. Persoa enérxica e con carácter, Luis “era unha persoa chea de ideas e loucuras contaxiosas que pouco a pouco nos foi unindo ata formar a familia Arrieiros que somos agora”, din.
Vivía intensamente esta época do ano cando o máis importante era reunirse e tocar para pasalo ben. “Por iso cremos que non hai mellor maneira de homenaxealo que tocar ben forte para que nos escoite, sorría e diga ‘chavales, ben tirada”. E así o facían nun emotivo e vibrante final.



Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.