Entroido 2026OurenseÚltima hora

Os Boteiros de Viana e Vilariño e as Mázcaras de Manzaneda e Buxán, na mostra “Máscaras do Entroido galego”

Esta exposición do estudoso Justo Gude pode visitarse na entrada da Biblioteca Rosalía de Castro no Campus de Ourense

 

Ata o vindeiro 27 de febreiro a entrada da Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense acolle a exposición Máscaras do Entroido galego, na que as persoas interesadas poden ver 16 destas pezas elaboradas e coleccionadas polo estudoso desta materia Justo Gude. Entre elas figuran as caretas dos Boteiros de Viana do Bolo e Vilariño de Conso e da Mázcara de Buxán (O Bolo), así as Mázcaras de Manzaneda.

“As máscaras son, sen dúbida, un dos elementos culturais e etnográficos que o ser humano vén utilizando dende tempos ancestrais con fins moi diversos e vinculados a ritos, celebracións e expresións simbólicas. Ao longo da historia, as caretas serviron para representar identidades colectivas, para afastar os malos espíritos, para inverter a orde social ou simplemente para festexar e divertirse”, sinala o autor da exposición.

En Máscaras do Entroido galego, engade Justo Gude, “realízase unha breve escolma do enorme abano e variedade existente no mundo das máscaras galegas, tentando ofrecer un enfoque multicultural no que as formas, as cores e os materiais interprétanse desde diferentes puntos de vista”. Cada creación, engade, “reflicte a personalidade das xentes que as empregan, así como o significado social, ritual ou festivo que teñen para elas dentro da súa comunidade”. Porén, se falamos de carautas e do Entroido, Justo Gude sinala que “teño que parar de maneira especial na provincia de Ourense, considerada unha das zonas do mundo con maior concentración de máscaras tradicionais con identidade propia”. O Entroido ourensán, subliña, “destaca pola súa riqueza, diversidade e polo profundo arraigamento das súas tradicións, transmitidas de xeración en xeración”.

 

 

Desde a organización da actividade sinalan que na exposición que agora se pode ver no campus e que supón unha escolma da ampla colección de máscaras de Justo Gude de entroidos do mundo, “están representadas moitas das máscaras que podemos atopar ao longo e ancho da paisaxe ourensá, como testemuñas vivas dun patrimonio cultural único”.

 

 

Na mostra poden verse máscaras das Pantallas de Xinzo de Limia, de Cigarróns de Verín, de Boteiros de Vilariño e de Viana, de Felos de Esgos, de Follateiros de Lobios, os Galos da Mezquita (A Merca), as Bonitas de Sande (Cartelle), o Madamito de Entrimo, a Pita das Eirás… e así ata 16 Entroidos galegos diferentes. Cada peza está acompañada dunha ilustración co traxe completo do que forma parte esa máscara e do nome do Entroido correspondente. A mostra pode visitarse no horario habitual da biblioteca, de mañá e tarde e de luns a venres, non sendo necesario ser usuaria ou usuario do centro para poder vela.

Fotos: Duvi.

 

Back to top button