EntrevistasÚltima hora

“Os campos de voluntariado arqueolóxicos chaman moito a atención e teñen unha gran demanda”

Cristina Pichel, directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, visitaba esta mañá O Castrillón de Larouco

A directora xeral de Voluntariado, na súa visita ao Castrillón (Larouco)./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Entre os 13 novos campos de voluntariado que se suman este ano á Campaña de Verán en Galicia está o do Castro do Castrillón (Larouco), que se desenvolverá ata o 13 de xullo. Esta mañá os seus participantes recibían a visita da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a lalilense Cristina Pichel, que coñecía cada un dos detalles do mesmo e percorría o xacemento arqueolóxico.

Pichel destacaba a enorme importancia destas actividades, coas que se pretende fomentar o lecer educativo saudable e seguro das mozas e mozos durante a temporada estival e, á súa vez, amosar o respecto que o patrimonio e a natureza merece e precisa mentres se contribúe á súa conservación e mellora.

Para os campos de voluntariado que teñan lugar en Galicia o prazo de inscrición estará aberto ata cinco días antes do comezo de cada un. A solicitude presentarase mediante un formulario en liña e cada solicitante deberá escoller, por orde de prioridade, ata un máximo de cinco campos de voluntariado. As prazas serán adxudicadas por rigorosa orde de recepción.

Tras pasar por Larouco, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado desprazábase ata San Xoán de Río, onde se achegaba ata o campamento sobre Astronomía e Natureza que se está a desenvolver no Albergue Xuvenil do municipio. Neste campamento lévanse a cabo diferentes actividades deportivas, observatorios virtuais das estrelas, sendeirismo ou acampada, entre outras actividades.

¿Cales son as principais novidades desta nova campaña de campos de voluntariado na provincia de Ourense?

Temos tres novidades principais este ano. Unha delas é o campo de voluntariado de Larouco, tamén un novo en Celanova e outro en Monterrei, dentro dunha oferta global en toda a provincia que sumamos ano tras ano. En toda Galicia temos 40 campos de voluntariado, que son 13 máis 480 prazas que no ano 2020. E un gran número deles están vinculados á posta en valor e conservación de xacementos arqueolóxicos. De feito, é un dos reclamos para estes mozos, as cuestións arqueolóxicas digamos que chaman moito a atención e que sempre teñen unha importante demanda.

Temos incluso tres campos que levamos a cabo en colaboración coa propia Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta, en concreto, no Castro de Viladonga, en Campo Lameiro no Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre e no campamento romano da Ciadela en Sobrado dos Monxes, co cal é unha oportunidade única posto que teñen aquí ao seu servizo a un equipo de investigadores que lles poden contar moito da historia e tamén e nutrirlles de coñecemento dun valor incalculable.

 

 

 

Os campos tamén permiten dar a coñecer o entorno do lugar onde se fan porque hai visitas, ademais do traballo

Efectivamente, os campos de voluntariado compóñense, sobre todo, de dúas partes: unha máis de aprendizaxe e coñecemento da contorna e dos recursos que se queren poñer en valor, neste caso o castro do Castrillón. E, despois, unha segunda parte máis lúdica que, obviamente, tamén ten que ver co propio coñecemento das paisaxes naturais, e de todos os atractivos turísticos de cada zona.

Os concellos pequenos como Larouco, ¿tamén se interesan por este tipo de iniciativas?

Si, de feito aquí está a alcaldesa, a iniciativa partiu do Concello, e iso é importante

No campo de traballo do Castrillón hai mozos galegos, pero tamén doutras comunidades.

Si, este ano puidemos recuperar a mobilidade nacional, é dicir, o intercambio entre comunidades autónomas e efectivamente hai xente de Galicia e doutras comunidades. Os campos de voluntariado, dun xeito ordinario e habitual, tamén terían unha terceira vertente, que sería a dos mozos doutros países. Agora mesmo non podemos recuperar esa mobilidade internacional, pero agardamos que nun horizonte, cando xa esta situación vaia mellorando pouco a pouco, poidamos recuperar esa mobilidade internacional que enriquecía tamén os campos de voluntariado.

¿A intención é seguir potenciando este tipo de campos tanto no arqueolóxico, como no medioambiental como noutros eidos de cara ao futuro?

Como dicía antes, en Galicia temos 40 campos, 13 máis que o ano pasado, e somos referencia en toda España por ser a comunidade que máis campos de voluntariado oferta á súa mocidade. A nosa intención é, se as actividades funcionan, que eu coido que funcionan, poder aumentar todos os anos este tipo de accións.

Texto: A.R.

 

Artigos relacionados

Back to top button