PolíticaÚltima hora

Os candidatos socialistas pola provincia de Ourense ás eleccións do 29N percorren Viana do Bolo e O Riós

 

O PSdeG-PSOE de Ourense reivindicaba neste 13 de novembro o compromiso do Goberno de España coa loita contra o reto demográfico e coa igualdade de oportunidades no medio rural, “fronte a un modelo do PP que durante anos condenou os pequenos municipios á perda de poboación e á falta de investimentos”. Os candidatos socialistas, que visitan nesta xornada o municipio de Viana do Bolo, defenden que “vivir nun concello rural debe ser unha oportunidade e non unha desvantaxe”, e subliñan que “para fixar poboación fan falta emprego, actividade económica, conectividade e, sobre todo, servizos públicos de calidade”.

A candidata do PSdeG-PSOE de Ourense ao Congreso dos Deputados, Carmen Rodríguez Dacosta, destacou que desde a chegada de Pedro Sánchez á presidencia do Goberno, “España conta, por primeira vez, cunha política integral de loita contra a despoboación, impulsada a través da secretaría xeral para o Reto Demográfico e dun plan de 130 medidas. Unha estratexia que mobilizou máis de 13.000 millóns de euros entre 2021 e 2024 en ámbitos como a conectividade, o emprego, a innovación, a enerxía ou o turismo sostible”. 

“Durante moito tempo dixéronnos que o rural estaba condenado a desaparecer, pero os datos demostran que hai outro camiño. Os municipios de menos de 5.000 habitantes gañaron máis de 437.000 habitantes desde 2018 e encadean sete anos consecutivos de crecemento. Isto demostra que as políticas públicas funcionan cando hai vontade política, investimentos e oportunidades”, sinalou Rodríguez Dacosta.

A candidata socialista puxo tamén o foco nos resultados que estas políticas están a ter na provincia de Ourense. Neste sentido, afirmou que na resolución da convocatoria do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico do pasado 29 de setembro figuran cinco proxectos ourensáns seleccionados, cun importe conxunto de 1.061.342,99 euros en axudas propostas.

En concreto, trátase do proxecto Conecta Rural Ourense, da Deputación Provincial, con 297.403 euros; a iniciativa de espazos comúns e formativos de Nogueira de Ramuín, con 180.000 euros; o proxecto de parque empresarial e bioeconomía circular de Avión, con 199.999,99 euros; Muimenta, en Carballeda de Avia, con 190.440 euros; e o Agroparque da Peroxa, con 193.500 euros. 

“Estamos falando de proxectos concretos, de recursos que chegan aos concellos e que poden contribuír a xerar actividade económica, innovación e novas oportunidades. O Goberno de España está demostrando que o rural importa e que a loita contra a despoboación ten que traducirse en investimentos reais sobre o territorio”, afirmou Carmen Rodríguez Dacosta. A candidata incidiu en que estes importes corresponden a axudas propostas na resolución de referencia e que o seu desenvolvemento deberá materializarse a través da execución dos proxectos beneficiarios.

Rodríguez Dacosta tamén destacou outros “avances impulsados polo PSOE dende o executivo central, como a extensión da fibra óptica, que xa alcanza o 95,97 % dos fogares e o 88,7 % das zonas rurais, ou o despregamento da cobertura 5G no rural, que pasou do 26 % en 2021 ao 96 % en 2025. Así mesmo, puxo en valor a Rede de Centros de Innovación Territorial, con 25 centros, os 937 proxectos financiados con 122 millóns de euros e o programa Campus Rural, no que xa participaron máis de 2.200 estudantes universitarios”.

Pola súa banda, o candidato do PSdeG-PSOE de Ourense ao Senado, Brian Diz González, advertiu de que a “loita contra o despoboamento non pode limitarse á creación de emprego ou á concesión de subvencións, senón que precisa garantir que as persoas poidan acceder aos mesmos servizos e oportunidades con independencia do lugar no que vivan”.

“Non chega con pedirlles ás persoas que non marchen dos seus concellos. Hai que garantir que teñan un centro de saúde preto, atención á dependencia, transporte público, educación, vivenda en condicións e unha boa conexión dixital. Se queremos que a xente quede, e que quen marchou poida regresar, temos que ofrecerlle condicións de vida dignas”, afirmou.

Finalmente, as e os socialistas defenderon que o futuro da provincia de Ourense pasa por unha “política de equilibrio territorial que non deixe atrás ningún concello, especialmente aqueles que levan décadas sufrindo o envellecemento e a perda de habitantes. Ourense necesita oportunidades, investimentos e servizos públicos. Necesita que vivir nunha aldea, nunha vila ou nun concello pequeno non signifique ter menos dereitos. Ese é o modelo que defende o PSOE, un rural con futuro, con actividade económica e con servizos públicos que garantan a igualdade de oportunidades. Porque vivir nun pobo debe ser un dereito, non un reto”, concluíron.

A candidatura socialista percorre Viana do Bolo e O Riós

No marco da campaña electoral, a candidatura do PSdeG-PSOE de Ourense, integrada por Carmen Rodríguez Dacosta, Brian Diz González, Federico Pérez Mato e Marina Vaz Quintillán, participou hoxe nun reparto informativo en Viana do Bolo, aproveitando a celebración do día de feira, para achegar á veciñanza as propostas e medidas impulsadas polo Goberno de España e explicar a importancia de seguir contando cun Executivo progresista.

Durante a xornada, os candidatos mantiveron contacto directo cos veciños e veciñas, escoitando as súas preocupacións e trasladando os avances conseguidos polo Goberno socialista en materia de reto demográfico, investimentos no rural, servizos públicos e igualdade de oportunidades.

Posteriormente, a candidatura participou en dous encontros coa veciñanza, un en Viana do Bolo e outro en Riós, nos que puido intercambiar impresións sobre as necesidades dos municipios do interior e explicar a importancia de que as políticas públicas sigan chegando aos pequenos concellos.

Os socialistas defenderon nestes encontros que o rural “necesita feitos, investimentos e servizos públicos, e reivindicaron o traballo realizado polo PSOE desde o Goberno de España para combater a despoboación e crear oportunidades nos territorios máis afectados polo reto demográfico”.

A candidatura fixo tamén un chamamento á mobilización o vindeiro 29 de novembro e á “concentración do voto progresista no PSOE, como garantía para seguir avanzando en dereitos, manter os investimentos e asegurar que os concellos do interior de Ourense teñan voz e futuro. O rural precisa un Goberno que crea nel, que invista nel e que garanta servizos públicos. Ese é o compromiso do PSOE e queremos seguir facéndoo posible coa confianza da cidadanía”.

 

Back to top button