Elección galegas 18F - 2024PolíticaÚltima horaVídeos

Os candidatos socialistas por Ourense ás eleccións galegas din que “O PP non cre na sanidade pública e moito menos no Hospital de Valdeorras”

Carmen Rodríguez e Lalo Santos, números 1 e 4 da candidatura, reuníanse esta tarde coa xunta de persoal do hospital

 

Ata O Barco desprazábase esta tarde a cabeza de lista por Ourense do PSdeG-PSOE ás eleccións galegas, Carmen Rodríguez Dacosta, para criticar a situación na que se atopa o Hospital Público de Valdeorras, convertido, segundo dicía, nun “sinxelo centro de saúde” como consecuencia dos “recortes atroces levados a cabo polo PP, amais do desmantelamento de servizos sanitarios, que se viron brutalmente reducidos nos últimos anos, obrigando aos pacientes a desprazarse a Ourense”.

Acompañada polo número 4 de lista, Eladio Santos, e polo deputado provincial Aurentino Alonso; Rodríguez Dacosta, tras reunirse coa xunta de persoal do hospital, aseguraba que “non hai data para a incorporación de especialistas e o hospital sempre está en precario, xa que o PP non ten intención na estabilización do persoal”. A candidata socialista citaba neste senso “a ausencia de servizo de hematoloxía, dermatoloxía, reumatoloxía ou o minguado no servizo de oftalmoloxía, que leva un ano co persoal ao 50%, ao que hai que engadir toda unha serie de recortes noutros servizos, o que repercute nas listas de agarda e na atención de patoloxías graves e de seguimento”.

 

 

Pola súa banda, o valdeorrés Eladio Santos Martínez, destacaba que “o PP non cre na sanidade pública e moito menos no Hospital Comarcal de Valdeorras. Ao contrario, nós miramos polo rural, polos servizos para a xente e sabemos da importancia desta instalación hospitalaria nunha comarca dinámica como a de Valdeorras, pero tamén moi envellecida, onde esiximos ter os mesmos servizos que hai en outros lugares menos periféricos”. Segundo Santos, “o PSdeG-PSOE ten un plan para reverter a situación, que pasa por estabilizar os empregos do persoal, planificar os postos futuros para ir medrando, pero non con remendos ou parches ao fío de sucesivas citas electorais ou para calar protestas; e mellorar as capacidades de xestión autónoma da sanidade en Valdeorras porque é desde aquí que mellor se coñecen e se poden abordar os problemas”.

 

 

Así mesmo, os socialistas aseguraban que “Ourense conta nestes momentos con tan só unha ambulancia de soporte vital avanzado, cando en Lugo hai 3, en Coruña 4 e Pontevedra outras 4”. Neste senso dende o PSdeG-PSOE destacan que “non é de recibo que unha poboación como Valdeorras, na que a veciñanza en moitos concellos supera os 65 anos, non dispoña dunha ambulancia de soporte vital avanzado”. A isto súmase tamén os problemas para o traslado a Ourense, debido a distancia, o que provoca que “se dupliquen os tempos de reacción, o ter que mobilizar unha ambulancia con este servizo dende a capital”.

Dende o PSdeG-PSOE afirman que este “é un exemplo da discriminación negativa da Xunta ao rural, e concretamente ao interior e a comarca de Valdeorras, unha das máis castigadas por estas políticas de recorte e abandono do PP”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button