
Os centros de atención a persoas maiores da provincia de Ourense do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, pertencentes á rede de atención ás persoas maiores da Xunta de Galicia, continúan durante o mes de marzo e abril cun amplo programa de actividades dirixidas a comunidade.
Así durante o mes de marzo, os centros conmemoraron con actividades especiais o 8M e tamén teñen previsto actividades significativas para celebrar o día do libro o 23 de abril, nas bibliotecas ou con actividades interxeneracionais.
Varios centros levarán a cabo xornadas de portas abertas para dar a coñecer as súas instalacións, servizos e actividades: o centro de día e fogar residencial de Vilar de Barrio o 1 de abril, e o centro de día de Maceda o 15 de abril. En A Rúa e Xinzo celebraron estas xornadas no mes de marzo.
Ademais en todos os centros se seguen levando a cabo talleres coa comunidade, nos que se promove a participación de persoas maiores que non son usuarias do centro: en Xinzo realízase a Escola de adultos todos os venres, en Allariz e A Rúa levan a cabo obradoiros de estimulación cognitiva e física durante o mes de abril, os venres e martes respectivamente.
Os centros de maiores afírmanse como espazos dinámicos e abertos, actuando como elementos activos na súa contorna. As persoas usuarias forman parte da vida da comunidade e a veciñanza ten a oportunidade de achegarse para coñecer os servizos e actividades dispoñibles, contribuíndo así a reforzar os lazos comunitarios