A RúaConcellosÚltima hora

Os centros de maiores de Ourense, entre eles o da Rúa, celebrarán o Nadal con actividades especiais

 

Centro de Día da Rúa.

 

Os centros de atención a persoas maiores da provincia de Ourense, do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, pertencentes á redede atención ás persoas maiores da Xunta de Galicia, preparan unha programación especial para celebrar o Nadal ao longo do mes de decembro.

Así, na Rúa, Allariz, Xinzo, Maceda, Vilar de Barrio e Vilardevós celebraranse festas de Nadal nas que participarán persoas usuarias e familiares, co obxectivo de compartir momentos de convivencia e reforzar o espírito de xuntanza propio destas datas.

Ademais, todos os centros desenvolverán obradoiros de manualidades para elaborar decoración e postais de Nadal. As persoas usuarias tamén participarán en propostas abertas á comunidade, co fin de manter o contacto coa veciñanza e continuar sendo axentes activos no seu entorno. Entre estas iniciativas destacan a creación conxunta de adornos con diversas entidades en Vilardevós, o intercambio de postais co colexio de Allariz ou unha actividade especial organizada en colaboración co CDR O Viso en Xinzo.

O mes de decembro servirá tamén para conmemorar aniversarios importantes: o centro de día de Maceda celebrará nove anos desde a súa apertura, mentres que o Fogar Residencial–Centro de Día de Vilar de Barrio cumprirá quince anos de funcionamento.

Todas estas propostas forman parte das actividades habituais dos centros de maiores, orientadas a manter e mellorar as capacidades físico-funcionais das persoas usuarias, así como a fomentar a súa sociabilidade e integración sociocomunitaria.

Back to top button