
Tras a fusión co Caldelao para construír as categorías inferiores de fútbol, o Inter Ribeira Sacra pasa a ser filial do Vianariño para traballar conxuntamente en fútbol sala.
Óscar Martínez, presidente do CD Caldelao-Inter Ribeira Sacra sinala que “o modelo de xestión do Vianariño FS, todo o que conseguiron a base de esforzo en moi pouco tempo, sérvenos de modelo e referente para avanzar como club, demostrando que tamén se poden facer cousas grandes en sitios pequenos, axuntando esforzos e traballando ben”.
Pola súa banda Víctor Ferreño, presidente do Vianariño, celebrou a filialidade asinada indicando que “aunar esforzos é a garantía de futuro e crecemento dos clubs. Este convenio axúdanos a ampliar a nosa base, cun filial que nos pode axudar na formación das diferentes categorías e a xuntar persoas de zonas diversas”. Anunciou que, dentro da pretempada, pretenden facer dúas xornadas, unha en Viana e outra en Manzaneda, onde se enfronten os equipos das diferentes categorías. “Será unha boa oportunidade de pasar un rato xuntos e que os xogadores de ambos os equipos se coñezan”.
Óscar Martínez sinalou “ter a un equipo en categorías superiores, como pasa co sénior e o xuvenil, supón tamén un incentivo para os nosos xogadores, que teñen a oportunidade de axudar neses equipos mentres gozan de minutos nos nosos e tamén para o Vianariño, que pode dar minutos de competición a parte dos seus xogadores”.